Ribadeo, 27 de outubro de 2021. A Concellaría de Desenvolvemento Local desenvolverá a segunda edición de Reinicia Ribadeo, o programa de transformación dixital para as empresas e autónomos locais, sen custe económico para todos eles. Será impartido nos meses de novembro e decembro e a inscrición está aberta ata o vindeiro día 4.
O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, dixo que “ante a necesidade xeral de mellorar a dixitalización dos pequenos negocios locais para adaptarse ás novas canles de venda e de comunicación, e tamén debido ao grande interese que suscitou na primeira edición, dende o Concello de Ribadeo lanzamos o proxecto Reinicia Ribadeo na súa segunda fase, que se presenta como un programa de acompañamento e de apoio para a transformación dixital das nosas empresas locais”.
O edil ribadense explicou que “este proxecto divídese en dúas liñas, por un lado en impartir cursos prácticos de formación e por outro en asesoramento individualizado. Trátase sempre dun programa totalmente personalizado, que se levará a cabo durante o mes de novembro e parte de decembro, e que servirá ademais, segundo pretendemos, para que as empresas locais poidan dar un impulso á campaña de Nadal. Trataranse temas como a identidade corporativa, as redes sociais, o comercio electrónico ou a fidelización de clientes”.
Vizoso Galdo sinalou que “as persoas e as empresas beneficiarias recibirán formación sobre a área que consideren ou que se vexa máis relevante para o seu negocio, en grupos divididos de acordo co seu nivel de coñecementos e sempre que sexa posible organizados por sectores de actividade. A convocatoria está aberta a todas as persoas autónomas e pequenas empresas asentadas en Ribadeo, con independencia da súa actividade, e sen ningún custe económico para elas”.
O concelleiro de Desenvolvemento Local engadiu que “con esta segunda edición de Reinicia Ribadeo desde o Concello queremos continuar ofrecendo apoio na súa transformación dixital ás empresas asentadas en Ribadeo, incrementando as competencias dixitais das persoas responsables e permitindo mellorar a súa visibilidade nas redes e o uso das novas canles de comunicación e de venda. As bases desta convocatoria están dispoñibles na web do Concello de Ribadeo. O prazo de inscrición está aberto ata o 4 de novembro e aquelas persoas ou empresas que estean interesadas nesta convocatoria poden dirixirse ao Concello consultando na súa web, por teléfono no 982 128 650 ou dirixíndose directamente ao departamento da Concellaría de Desenvolvemento Local”.