Site icon Crónica3.com A Mariña

Publicada a selección de alumnxs para o obradoiro Terras do Ouro 2021 compartido polos concellos de Foz, Alfoz e o Valadouro

Foz, 6 de outubro de 2021. Este pasado luns foi publicada nos taboleiros de anuncios dos Concellos de Foz, Alfoz e Valadouro a listaxe cos 20 alumnos e alumnas admitidos para a Escola Obradoiro Terras do Ouro 2021. Dos 20 postos ofertados, 12 corresponden ao Concello de Foz, contando os municipios de Alfoz e O Valadouro con 4 alumnos cada un. Ademais fixéronse as probas do persoal que se encargará de dirixir o obradoiro, composto por un director, dous monitores e un administrativo.

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, avanza que o obxectivo do obradoiro é “formar traballadores no sector forestal, un dos máis fortes e con máis futuro da comarca. Con esta formación estamos a dar unha oportunidade de futuro, unha saída laboral a persoas desempregadas. A maiores o obradoiro permitiranos conservar e mellorar montes de titularidade municipal, como na Cornería, e acondicionar camiños forestais e outras infraestruturas. É un bo proxecto que intentaremos que alumnas e alumnos aproveiten ao máximo”

O rexedor municipal de O Valadouro, Edmundo Maseda, destaca que “ademais de formar bos profesionais no sector forestal, que está en continuo crecemento, terá consecuencias positivas no acondicionamento de varias vías forestais, que poderán aproveitar veciñas e veciños: camiño de 1,3 quilómetros entre Alaxe e Budián, varios tramos nos montes de Sabugueira e Silvosa, o camiño da Cabaña, 1,5 quilómetros de vial entre Budián e o límite con Nois e varios máis”.

E o alcalde de Alfoz, Jorge Val, móstrase “moi satisfeito pola colaboración entre tres concellos veciños, con moitas características en común. Os nosos catro alumnos actuarán nos montes da Grumeira e do Pico e no Coto da Croa. O noso concello ten unha tradición madeireira máis que evidente e unha industria asociada como é a de Costiña, que agardamos que funcione pronto a pleno rendemento”.

Os alcaldes dos tres concellos mantiveron unha xuntanza de traballo na pasada semana para ultimar os trámites administrativos necesarios para poñer en marcha o taller de emprego.

O obradoiro Terras do Ouro 2021, que combina a formación coa práctica profesional para a aprendizaxe en tarefas conservación e mellora de montes, está financiado pola Xunta de Galicia. Dará comezo neste mes de outubro e ten unha duración de 9 meses.

Exit mobile version