Santiago de Compostela, 5 de Outubro, 2021. O BNG trasladou o seu total apoio aos traballadores e traballadoras de VESTAS na manifestación celebrada en Santiago na que participou unha ampla delegación encabezada pola portavoz nacional, Ana Pontón, o deputado Nestor Rego, o deputado pola Mariña, Daniel Castro e os parlamentarios Xosé Luís Rivas e Carmela González.
“É unha fábrica que ten toda a viabilidade e detrás do ERE extintivo da empresa o que hai é unha deslocalización da produción, e por iso é urxente que o Goberno da Xunta se poña mans á obra para evitar que se poida perder ningún posto de traballo”, salientou a líder nacionalista.
Pontón subliñou que hai que facer todo o posible para evitar que a factoría da Mariña sega o mesmo camiño que Siemens-Gamesa, e considera “incomprensible” que en pleno boom eólico depredador unha empresa do sector poda anunciar o seu peche. “O Executivo de Feixóo debe adoptar as decisións políticas que impidan a deslocalización deste sector e para que fabriquen no País”, alegou, máxime nunha comarca como a da Mariña “na que xa chove sobre mollado, pois o futuro de ALCOA segue no aire e xa se perderon máis de mil empregos directos no sector industrial na última década”.
“Non podemos permitir que continúe a sangría industrial na Mariña que significa tamén a sangría industrial en Galiza”, recalcou, tras asegurar que o Goberno da Xunta ten mecanismos na súa man para frear este tipo de procesos de peches por deslocalización nun sector en expansión.
“Estamos nun momento de desenvolvemento da enerxía eólica e é evidente que se pode condicionar a instalación de novos parques a proxectos industriais nos que os compoñentes se fabriquen en Galiza. Por iso desde o BNG pedimos que se actúe e que a mesa que hoxe arranca entre empresa e Xunta sexa útil e serva para darlle os e as traballadoras de VESTAS un futuro. “Non podemos permitir que, unha vez máis, unha multinacional xogue co futuro da comarca e do País”, indicou a líder do Bloque.
A portavoz nacional aproveitou a manifestación para facer unha reflexión en relación ás consecuencias de non ter derrogado a contrarreforma laboral do PP, que facilita que hoxe o cadro de persoal desta factoría con sede en Viveiro teña sobre a mesa un expediente de extinción.