Rouco lembra que “no pleno celebrado este verán no que o goberno local defendeu esta proposta, o Grupo Municipal Popular xa lle advertira dous aspectos. Por unha banda, que había que consultalo previamente co sector pesqueiro porque ese terreo se atopa preto dunhas naves que empregan os pescadores de Burela, algo que o señor Llano e o seu goberno non fixeron”, apunta.
“E, por outra parte, que era preciso facer a correspondente tramitación administrativa requirida por Portos de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP). Con respecto a esta última cuestión a concelleira socialista, a señora López Moreno, respondeu de forma altiva que primeiro ían derribar o muro que para eles supón Portos de Galicia e que o goberno local xa tiña moi claro o que tiña que facer”, segundo explica o voceiro popular.
Finalmente, este martes puidemos comprobar “a patochada” de escrito que o señor Llano rexistrou ante Portos de Galicia da man da parlamentaria socialista Patricia Otero que interveu na Comisión de Pesca do Parlamento galego dando lectura ao documento. “Nin sequera solicitan aquilo que, supostamente, pedían: a cesión da parcela situada na porta posterior do edificio de Capitanía”, subliña Rouco que incide, ademais, en que “presentou o escrito ante Portos de Galicia sen a tutela da FEGAMP”.
Para o popular “isto supón un suma e segue na contía de ridículos do señor Llano e o seu equipo á fronte do goberno municipal: parece ser que ningún deles asumiu aínda que xestionar un Concello non é o mesmo que ir de comidas e facer posados de cara á opinión pública”.