O concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Díaz, declarou que “unha das obrigas da ordenanza é levar un bote para as miccións dos cans para usar nas entradas dos edificios e das casas, cuxas paredes se ven afectadas. Entón, hai que usar un recipiente cun líquido desinfectante ou cunha pinga de lixivia para que os ouriñes se vaian diluíndo. Aprobamos unha partida económica para a adquisición dos 300 botes cos que agasallaremos a aqueles que o soliciten para que se poida cumprir moito mellor coa ordenanza de limpeza viaria e xestión de residuos”.
O edil ribadense subliñou que “esta é unha ordenanza que regula e que axuda a manter a vila nas mellores condicións. Temos varios expedientes sancionadores en marcha, que afectan a particulares e empresas, debido a certos comportamentos incívicos detectados. Penso que é unha iniciativa que vai axudar a que a xente nos concienciemos cada vez máis co tema da limpeza e que é cuestión de todos e todas manter os nosos espazos públicos en boas condicións”.
O Concello de Ribadeo xa repartiu o pasado mes de marzo outros 500 botes de desinfectante entre os propietarios e propietarias de cans. A nova partida xa está a disposición dos interesados.