Site icon Crónica3.com A Mariña

Óscar Rodríguez confirma que optará a presidir o Partido Popular de Viveiro, cun proxecto que ten como pezas básicas o reforzo da unidade e o incremento da militancia

Viveiro, 04 de outubro de 2021. O portavoz municipal dos populares de Viveiro, Óscar Rodríguez Blanco, anuncia que optará á presidencia do PP local no congreso que celebrará o partido o próximo 6 de novembro. Rodríguez adianta algúns dos seus obxectivos para o partido, para o caso de que a afiliación lle dea o apoio para asumir a presidencia.

Óscar Rodríguez di que quere reforzar aínda máis a unidade do partido en Viveiro, para que teña a forza precisa para dar aos veciños o cambio que demandan no Concello e que tanto necesita o municipio. “Máis unión aínda, porque todos somos necesarios e todos temos un papel importante que xogar; porque non da igual quen goberne, temos que estar en condicións de protagonizar o cambio que piden os veciños e que precisa este municipio”.

Como parte fundamental para fortalecer o PP de Viveiro, Óscar Rodríguez quere estimular o incremento da afiliación, con especial atención aos mozos e mozas, algo no que xa vén traballando dende o principio do mandato. “Outro dos eixos da folla de ruta que quero para o partido é a participación interna, no que todos teñen canles claras para expoñer as súas iniciativas, desexos e tamén, claro, as críticas a aqueles aspectos que consideren que deben ser mellorados no día a día do partido”.

Rodríguez di que as mensaxes do fundador do partido, Manuel Fraga, teñen total vixencia a día de hoxe e teñen que seguir sendo a guía en canto aos obxectivos a conseguir. Un deles a eficacia na xestión do público, xustamente o contrario -sinala Rodríguez- do que está a facer o goberno municipal, cos conseguintes problemas, moitos e graves, que xera ao municipio. “Hoxe, o goberno presidido por María Loureiro non está en condicións de ofrecer nada a Viveiro. Os feitos son elocuentes; é tempo de cambio, porque a cidade non pode seguir así. Viveiro necesita hoxe, máis que nunca, cambio”.

Exit mobile version