Lugo, 23 de outubro de 2021. A Secretaria Provincial do PSdeG-PSOE e Deputada Autonómica, Patricia Otero, dixo hoxe que os orzamentos de Feijóo non son as contas que Galicia e Lugo necesitan para saír adiante e superar esta crise provocada pola pandemia do COVID-19.
Otero realizou hoxe unha roda de prensa, na sede do PsdeG en Lugo, na que analizou os orzamentos da Xunta para a provincia de Lugo. Nesta comparecencia tamén interviron o presidente da Deputación e Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e onde tamén asistiron o deputado Autonómico, Luís Álvarez e a secretaria da Agrupación Local de Lugo, Ana González Abelleira.
A secretaria provincial advertiu que estes orzamentos “non poden ser os da reactivación económica cando existen partidas como por exemplo en materia de emprego, que descenden un 40% con respecto ao ano anterior, ou unha rebaixa do 20% para o fomento do emprego”. “Estas partidas deberían ter un peso máis importante, pero comprobamos que o Goberno de Feijóo non esta preocupado pola creación de emprego en Galicia”, dixo.
Tamén se referiu ás carencias sanitarias que sofre a provincia. “O PP rebaixa a atención primaria en dous millóns de euros, e un 6% a partida de protección da saúde pública. E sen esquecer que nas contas autonómicas voltan a contemplarse orzamentos para Plans Directores para o Hospital da Mariña ou de Monforte de Lemos, pero non os dotan dos profesionais sanitarios necesarios, como vimos denunciando constantemente”.
Sin ningún proxecto novo para a provincia
Otero tamén advertiu que o Goberno de Feijóo “non presenta ningún proxecto novo para a provincia”. E lembrou que estará vixiante para que se executen as obras e proxectos deste orzamento “porque o papel aguanto todo”, insistiu. Nesa liña lembrou as obras da Ronda Leste, o Plan Paradai o Porto Seco de Monforte de Lemos ou a Edar de Burela, “que a día de hoxe seguen sen executarse”, sinalou.
No tocante ás infraestruturas,“comprobamos que para o corredor Nadela-Monforte de Lemos, só se contemplan partida para Nadela-Sarria, polo tanto as obras do desdobramento total non se reflicten nas previsións da Xunta”. Ou para outro tipo de dotacións públicas, como por exemplo a construción do centro de Dia de Vilalba, que tamén demandou o PP. “Pero nos orzamentos comprobamos unha vez máis que non hai un só euro destinado. Polo tanto seguimos coa política do eu invito e ti pagas, porque todos sabemos que este centro é unha competencia exclusiva da Xunta de Galicia”, remarcou.
A secretaria provincial censurou ademais as constantes criticas do PP dirixidas ao Goberno do Estado sobre a política industrial. “Feijoo ten moi boas palabras para as empresas que o están pasando mal na nosa provincia como Alcoa ou Vestas, pero nestes orzamentos non hai unha soa proposta para contribuír a mellorar a situación destas empresas. Parece que Feijóo non leu o Estatuto de Autonomía, onde especifica claramente que a Xunta ten as competencias exclusivas nesta materia”. E preguntouse “que aposta existe por parte da Xunta de Galicia pola Mariña Lucense?, ningunha”. “Onde esta ese Plan de industrialización da Mariña?, absolutamente nada. Solo hai boas palabras e esloganes”, denunciou.
Por último anunciou que o PsdeG enmenderá os orzamentos “para que reflictan as verdadeiras necesidades que teñen os concellos da nosa provincia”. E insistiu “estes non son os orzamentos que necesita á nosa provincia para acadar esa ansiada recuperación económica”, resumiu.
Escaso o interese da Xunta por Lugo
“Os orzamentos da Xunta de Galicia para Lugo reflicten o escaso interese do PP por axudar ao municipio na etapa de recuperación postpandemia xa que lonxe de recoller novos proxectos para a cidade, diminúen un 33,8% os investimentos nominativos e finalistas respecto ao 2021, pasando de 17,3 millóns de euros a 11,4 millóns”. Así valorou a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o proxecto de Orzamentos presentado polo Goberno galego para o 2022.
Ademais, sostivo a rexedora, deses 11,4 millóns de euros, o 22% son partidas do 2021 e de anos anteriores que volve recoller porque son de proxectos que non executou, e o millón de euros que inclúe para a Intermodal págao o Mecanismo de Recuperación de Resiliencia da UE.
Falamos de proxectos tan importantes para a cidade como son a Rolda Este ou o Plan Paradai. “Temos que lembrar, unha vez máis, que a obra da Rolda Este é urxente dende a apertura no 2011 do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) para desconxestionar de tráfico en determinados puntos do casco urbano e periurbano, como a Avenida de Fontiñas e a estrada do Rato, que soportan unha elevada intensidade circulatoria, que pasou 650 a 5.000 vehículos. Esta actuación leva un atraso de máis dunha década, e despois de numerosos anuncios errados, aínda esta ano se contratou a actualización do proxecto, que no seu día valorouse en 22 millóns de euros”.
En canto o Plan Paradai, avanzou, “é un clásico vergoñoso xa que por sétimo ano consecutivo se inclúe unha partida de 500.000 euros, e de 300.000 para o 2023, polo que moito nos tememos que non se avance nada en dous anos xa que no 2020 se prevía unha partida de 2,5 millóns para o 2021 e de outros 2,5 millóns para o 2022”.
A alcaldesa tamén advirte que desaparece a partida de 1,5 millóns de euros prevista para o Edificio de Aeronáutica da Residencia, “o que parece un engano á veciñanza do barrio xa que anunciouse como unha obra de dinamización”. “Finalmente, nesta zona, o gran inversor será Amancio Ortega, que destinará coa residencia da terceira idade que está a construír case a mesma cantidade que a Xunta para o gran proxecto que Feijóo prometeu para o barrio”.
Lara Méndez observou, así mesmo, que “un ano máis, a Xunta abandona o rural de Lugo xa que non contempla nin un só euro para obras de abastecemento e saneamento a pesar de que no tempo que eu levo como alcaldesa, 7 anos, os e as lucenses pagamos 10,5 millóns de euros en concepto de canon da auga, que por lei é finalista para este fins”.
Neste senso, lembrou, que “vimos pelexando xa desde a etapa do alcalde Orozco para que a Xunta se comprometa a cofinanciar as obras de abastecemento e saneamento nun 70%, pero o Goberno de Feijóo nunca devolveu un euro a Lugo pola súa contribución neste canon, cando a dispersión xeográfica da poboación lucense condiciona e dificulta que a administración local poida asumir en soidade a creación deste tipo de infraestruturas”.
Este ano tampouco a Xunta considera de interese protexer o enorme patrimonio de Lugo cumprindo do compromiso de crear o futuro Museo da Romanización de Galicia en San Fernando, “aínda que Feijóo sostivo, na última reunión que mantiven con el, que a súa intención era desbloquear este tema, paralizado no 2011 e no que o Concello leva gastado xa 2,5 millóns de euros na compra do edificio, e a Xunta máis de medio millón no proxecto da obra”, incidiu a rexedora. Para Méndez, “pérdese este ano unha estupenda ocasión para retomar este centro museístico pensando na recuperación pospandemia, porque suporía un enorme revulsivo non só para a divulgación do noso patrimonio senón tamén para a nosa economía pola súa capacidade para atraer visitantes e turismo de calidade”.
Para o 2022, a rexedora pediu axilidade no desenvolvemento do Polígono das Gándaras, para o que si hai orzamento, “tan importante para Lugo xa que temos en marcha un fondo de capital risco municipal de 12 millóns de euros, a estratexia “Lugo Trasforma”, para atraer investimentos e empresas a Lugo de alto impacto innovador, ambiental e social.
A rexedora lucense lamentou a caída dos investimentos, pero tamén que o Goberno galego non recolla neles ningunha compensación polos gastos extraordinarios que” tivemos que desenvolver na pandemia para manter tanto a economía como a parte máis social, incluso en competencias que non son municipais, e que nos vimos obrigados a afrontar só con recursos propios xa que a Xunta de Galicia non transferiu a Lugo nin un euro dos máis de 2.000 millóns que lle cedeu o Goberno central para estes fines”.
Por estes motivos, “a impresión dos lucenses é que vivimos nun eterno ‘deja vú’, co agravante de que o feito de que non se avancen en obras que son estratéxicas para a cidade frea que Lugo poida reivindicar outras execución para que a cidade avance ao ritmo doutras urbes galegas”, concluíu Méndez.
Unhos orzamentos de costas aos concellos
Pola súa banda, o Presidente provincial do Partido Socialista e Presidente da Deputación de Lugo subliñou que os Orzamentos autonómicos son “un novo desprezo, con todas as letras, da Xunta do PP ó conxunto da provincia e, especialmente, ós concellos nos que non goberna”. “Son uns orzamentos feitos de costas ós concellos, que ignoran as necesidades que temos, sobre todo na saída da crise da Covid-19. Durante a pandemia, a Xunta botou competencias enriba das entidades locais, pero sen embargo agora non as compensa no orzamento cos fondos que deberan recibir”, asegurou José Tomé.
O tamén Alcalde de Monforte afirmou que estes presupostos “provócanme vergoña allea. Eu non me atrevería a presentar aos meus veciños e veciñas de Monforte, nin da provincia, as mesmas partidas, ano tras ano, sen executar. É unha auténtica tomadura de pelo”. Para o Presidente da Deputación, a “orde de factores si que altera o produto. Feijóo lanza titulares, pero nunca os converte en realidade. Os socialistas facemos doutra forma, explicamos os proxectos cando xa están en marcha”.
Os orzamentos de calquera administración “teñen que ser unha ferramenta de dinamización e transformación social, pero Feijóo, na súa deriva frasera, fai un un exercicio mecánico de corta e pega”, afirmou Tomé Roca.Neste sentido, o Presidente provincial recalcou que o Goberno do PP na Xunta “non é capaz de executar os fondos que consigna, nin na provincia, nin en Galicia. No conxunto do país, o Goberno de España vai ter problemas para xustificar os fondos Next Generation se as comunidades autónomas fan como a Xunta porque, dos 2.733M€ de fondos que Galicia recibiu de Europa no período de 2014 a 2020, a Xunta deixou sen executar o 51%. É dicir, Galicia perdeu 1.397M€ porque eses fondos que non se executan hai que devolvelos. Un Goberno que é incapaz de executar o diñeiro que lle mandan de fóra, dificilmente o podemos considerar un bo goberno, tendo en conta as necesidades que ten Galicia”.
Polo tanto, engadiu José Tomé, “o mellor que podía facer é compartilos. Iso sería garantía de que se van a executar e de que van a chegar realmente ós cidadáns”. O Presidente dos socialistas na provincia asegurou así mesmo que o Executivo de Feijóo é “sectario”, como demostra co canon da auga, “unha imposición ós concellos para que recademos á cidadanía uns cartos cos que logo el fai o que quere”. “Feijóo pide cogobernanza, queren que o reciban no Goberno do Estado, pero logo non a practica, non se reúne nin fala cos alcaldes e alcaldesas, nin cos presidentes e presidentas da Deputación”.
En canto a infraestruturas, José Tomé pregúntase “cantos anos levamos falando da variante de Viveiro, da Ronda Leste, do Plan Paradai ou do Porto Seco de Monforte, unha obra de interese supraminicipal, que xa presentou Aznar no 2001, e logo estiveron Fraga ou Álvarez Cascos. Agora teñen a desfachatez de culpar ó Goberno central e de pedir á Deputación que poña diñeiro. O do Goberno está feito, o que falta é da Xunta. Que queiran enganar á xente así é unha indecencia”.
Así mesmo, o Presidente da Deputación reiterou que Feijóo segue sen presentar un plan industrial para Galicia nin para a provincia de Lugo “nun momento tan comprometido con situacións complicadas como a de Alcoa e o de Vestas. Se Feijóo se dedicara a facer un plan industrial en vez de facerse tantas fotos e viaxes, algo teríamos ganado, pero como non é así, seguimos igual, na política do conto e do engano”.
División do PP na provincia
José Tomé aludiu tamén á crise e división do Partido Popular na provincia: “Feijóo non pode ser exemplo porque non hai que olvidar que hai pouco máis dun mes tivo un congreso provincial que veu avalar, e é evidente que veu facer unha ensaladilla, porque co remendo que fixo agora pon ó voceiro provincial por riba da presidenta”. Ademais de repetir ano tras ano os mesmos proxectos, nos Orzamentos “non hai nada novo baixo o sol. Cando se acaben de acometer estes proxectos, onde vamos a investir, que sectores vamos a proxectar”, preguntouse o Presidente.