Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas demandan a Feijóo que cumpra e acometa os proxectos estratéxicos da provincia

Lugo, 24 de outubro de 2021. O Grupo Socialista na Deputación de Lugo defenderá no vindeiro pleno Ordinario, que terá lugar o vindeiro martes, unha moción para reclamar ao Goberno de Feijóo a dotación de fondos, así como un plan de execución para os proxectos pendentes da Xunta na provincia de Lugo.

Presentamos esta proposta de Goberno “como reacción ante a soberbia e a ineficacia dos Gobernos de Feijóo coa provincia de Lugo, xa que un ano máis volve elaborar uns orzamentos sen ter en conta as necesidades dos concellos, e o mais importante, sen escoitar ós alcaldes e alcaldesas da nosa provincia. Este ano, como tódolos anteriores, os orzamentos volven ser os máis grandes acadando unha cifra récord segundo a propaganda política que nos anuncian, pero baleiros da vontade política para executalos”, advirten.

“Lamentablemente comprobamos novamente que as contas de Feijóo na nosa provincia seguen sen rematar ningún proxecto, sen atraer empresas, sen melloras nos salarios ou nas pensións dos galegos e sen crear prazas de gardería ou de residencias”, denuncian.

Os orzamentos de Feijóo non contribúen ao avance da provincia
Así mesmo, na iniciativa plenaria, o PSdeG solicita que o Goberno da Xunta “teña en conta as reclamacións formuladas dende á administración local á hora de elaborar os orzamentos autonómicos, tomando como base as emendas presentadas polos grupos da oposición no Parlamento”.

Na moción, o Grupo Socialista pide á Xunta “a dotación orzamentaria para os grandes proxectos pendentes na provincia de Lugo, con especial atención ás infraestruturas (como por exemplo a Vía de Alta Capacidade da Mariña; as obras relacionadas co subministro de auga, o Porto Seco de Monforte, a Ronda Leste de Lugo ou o Museo da Romanización, entre outros), os servizos públicos (a recuperación de cadros de persoal e especialidades no conxunto da rede provincial do Sergas; o mantemento do profesorado en niveis similares ós do curso escolar 2020/21) ou o desenvolvemento industrial”.

Polo tanto, o PSdeG solicita ao Goberno galego “un compromiso de execución que impulse o avance real dos proxectos e evite que estes queden convertidos en meras cifras que se repiten no papel ano tras ano, sen contribuír ao avance da provincia”.

Exit mobile version