Os populares subliñan que “o alcalde oculta aos veciños e veciñas que o Concello está pendente de resolucións xudiciais sobre a situación da zona de Torrentes, onde actualmente se localiza o mercado semanal, e que poden supoñer que o Concello, probablemente, pague unha suma importante de cartos, arredor de 600.000 euros”.
Así o explicou o voceiro do PP tras interesarse polos motivos polos que “levamos dende xaneiro deste ano pendentes da aprobación definitiva do inventario municipal”. A este respecto, “o señor Llano contestou que xurdiran uns pequenos problemas, pero que logo se ían resolver. Evitou, deste xeito, dicir a verdade porque ata que se resolva a situación da zona de Torrentes, o inventario municipal non se vai poder aprobar”, advirte o popular.
Apoio unánime para a creación dun arquivo histórico e cultural dixital
Durante o pleno ordinario deste xoves, o Grupo Municipal Popular logrou sacar adiante, por unanimidade, a súa proposta para a creación dun arquivo histórico e cultural en formato dixital, unha iniciativa que xa ía incluída no programa electoral do PP.
Do lado dos traballadores de Vestas
O Grupo do PP “volveu cumprir coas peticións efectuadas polos veciños e, desta vez, en tempo récord. Os traballadores de Vestas pedíronnos no pleno de onte que mediáramos para que a mesa industrial que apalabraran co conselleiro Francisco Conde se levara a cabo antes do vindeiro mércores. E, menos de 24 horas despois, a consellería xa anunciou que se celebrará este martes esa reunión da mesa industrial á que están convidadas tódalas partes co obxectivo de chegar a unha solución para os traballadores desta importante fábrica para a nosa comarca”, conclúe Rouco.