Lugo, 21 de outubro de 2021. Os deputados mariñáns do PP no Parlamento galego, Elena Candia, José Manuel Balseiro e Daniel Vega aplauden a incorporación dunha nova resonancia magnética fixa para o Hospital Público da Mariña que recollen os Orzamentos da Xunta para o 2022. Esta tecnoloxía completarase coa dotación de máis equipamento sanitario e a renovación dun TAC; ademais doutras melloras no centro hospitalario coma o do firme de acceso. A Consellería de Sanidade tamén reserva máis de 238.000 euros para o Plan Director do Hospital da Mariña.
Os deputados populares subliñan que “os orzamentos da Xunta para o 2022 cumpren cos compromisos adquiridos cos mariñáns”. “Sáldase unha débeda histórica que demostra a sensibilidade do Goberno de Galicia coas persoas e, neste caso, cos veciños da Mariña”, afirma Balseiro. Ademais, destacan que se trata dunhas “contas realistas, que avanzan cara a recuperación económica, se centran na atención ás persoas e reducen os impostos aos galegos”.
Estes orzamentos, que son os máis elevados da historia de Galicia (11.627M€), reforzan os investimentos (2.554 M€) e recollen tamén o maior gasto social da historia: 8.660 M€ para a sanidade pública, o ensino, as políticas sociais e o emprego. Tamén refrendan o seu compromiso coas entidades locais incrementando en 81 millóns de euros o financiamento local.
Reequilibrio territorial e maior gasto por habitante
Os populares tamén recordaron que este proxecto de Orzamentos incide no reequilibrio territorial cun maior gasto por habitante nas provincias do interior. De feito, “a provincia de Lugo volve ter o maior investimento por habitante de Galicia”; xa que “o Goberno galego destina 4.926 euros por cada lucense”.