Lugo, 21 de Outubro de 2021. Os Alcaldes Socialistas da Pontenova, Darío Campos; Meira, Antonio de Dios; Pastoriza, Primitivo Iglesias; Pol, Lino Rodríguez e Ribeira de Piquín, Roberto Fernández denunciaron a falla de transparencia e a opacidade coa que esta actuando SOGAMA e o Concello de Riotorto, en relación á nova ubicación da planta de transferencia de residuos. Por iso anuncian que enviarán un escrito á este ente, dependente da Consellería de Medio Ambiente, “para amosar a nosa desconformidade co xeito de proceder deste organismo público xa que non se nos facilitou ningunha información sobre este proxecto. E tamén queremos deixar claro que estamos en desacordo con que Riotorto sexa o núcleo elixido para esta nova planta”.
Os socialistas remarcan que “o mellor emprazamento para esta nova dotación, que ten que dar servizo a todos estes concellos, é o Punto Limpio Serra de Meira en Xuncás (concello de Pastoriza), que xa conta con dotacións de auga, luz e accesos, polo tanto só habería que ampliar as instalacións. E por suposto non afectaría nin as explotacións gandeiras nin a veciñanza da contorna”, sinalan.
“Entendemos que esta nova planta de residuos que dará servizo aos concellos da Pontenova, Meira, Pastoriza, Pol, Ribeira de Piquín e Riotorto, ten que ser máis eficiente, pero segundo comprobamos SOGAMA só busca rédito electoral co emprazamento no Concello de Riotorto. Xa que ao resto de concellos implicados afectaríanos máis este emprazamento de recollida, por mor da distancia e o quilometraxe existente entre os concellos. Ademais hai que lembrar que esta nova construción encarecería considerablemente os custes económicos desta nova dotación, xa que a de Xuncás conta con infraestrutura, e non se parte de cero como en Riotorto”, advirten os rexedores socialistas.
Presión veciñal en Aldurfe
O pasado 27 de setembro a Consellería de Medio Ambiente anunciou na parroquia de Aldurfe en Riotorto, acompañada do Alcalde, Clemente Iglesias, que neste núcleo se ía instalar a nova planta de residuos que dará servizo aos concellos da contorna. Pero trala presión veciñal, que viron como afectaba as súas explotacións gandeiras e incluso as súas vivendas, o Concello de Riotorto e a Xunta recuaron con esta ubicación, e nestes intres están buscando un novo emprazamento para esta nova dotación.