Site icon Crónica3.com A Mariña

OPP Lugo presentou a alumnos de Burela as oportunidades de traballar no sector pesqueiro

Burela, 21 de outbro, 2021. A Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo, en colaboración con Armadores de Burela, organizou este xoves unha xornada informativa dirixida a uns cen alumnos e alumnas de 4º ESO dos centros educativos de Burela: «Posta en valor dos Oficios do Mar».

A xornada, que tivo lugar no salón de actos de ABSA, responde ao obxectivo da organización de produtores do porto de Burela de incentivar o interese dos xoves por formar parte do futuro do sector pesqueiro.

O acto contou coa presenza do director da Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol, Enrique Covelo, e o director do CIFP Universidade Laboral de Culleredo (A Coruña), Miguel Pena, que presentaron as opcións educativas e formativas dos seus ciclos náutico-pesqueiros, así como as instalacións dos seus respectivos centros. Ambos destacaron o interesante futuro do sector pesqueiro, animando aos xoves a velo como unha alternativa noble e na mesma igualdade de condicións que outros sectores económicos.

A continuación interviron catro patróns de altura en activo das diferentes frotas de Burela, que explicaron as súas propias experiencias na incorporación ao mar: Diego González e J.Ramón López Fernández, das frotas de arrastre, Carlos Eijo, da frota de palangre de superficie e Raúl Canoura, da frota de Gran Sol.

Cada un deles narrou aos alumnos as súas mellores e peores experiencias nas súas diferentes pesquerías, lamentando os accidentes e agradecendo traballar sempre en contacto coa naturaleza e sen ningún tipo de monotonía, xa que “cada xornada no mar é diferente a outra”.

Os profesionais do mar pidiron aos xoves que non descarten a opción marítima, un sector que hoxe en día garantiza o 100% de inserción laboral e bos salarios, unha das cuestións polas que preguntaron os alumnos. Así animaron aos menores a “estudar e traballar para ser un bo patrón de pesca, xa que así poderedes ter mellores soldos e con máis duración que os do presidente do Gobierno ou da Xunta”.

Finalmente tamén participaron tres mulleres profesionais da pesca para explicar as súas vivenzas sobre a incorporación ao sector pesqueiro. María Caldeiro, xerente de Fundamar e responsable do proxecto Redmar, do que destacou que fomenta as oportunidades das mulleres no mar.

Victoria Solar, exalumna de formación dual do ciclo medio de técnico de mantemento e control de maquinaria de buques, explicou que desexa seguir traballando no sector pesqueiro e que a súa vocación non lle ven por tradición, xa que ela é o primeiro emprego dedicado ao mar na súa familia.

Carmen Abad, armadora, mariñeira de baixura no porto de Burela e secretaria da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores, pechou a xornada aconsellando aos xoves que se preocupen por estudar e lograr unha boa formación, asegurando que dentro do sector pesqueiro sí poderán obter un futuro profesional moi digno.
Esta acción inclúese no Plan de Produción e Comercialización anual de OPP Lugo, cofinanciada pola Xunta de Galicia e o Fondo Europeo e Marítimo da Pesca.

Exit mobile version