A xornada terá lugar no salón de actos de Absa desde as 11 da mañá e contará coa presenza dos directores das Escolas Náuticas conveniadas co porto de Burela (Ferrol e Culleredo), que presentarán as opcións educativas e formativas dos seus ciclos náutico-pesqueiros.
Durante a xornada tamén haberá un espazo para as experiencias reais de titulados náutico-pesqueiros, que contarán en primeira persoa armadores, patróns, xefes de máquinas ou alumnos que están realizando prácticas en buques da frota local. Finalmente, tamén se destacarán algunhas experiencias de mulleres profesionais da pesca que contarán as súas vivenzas sobre a incorporación da muller ao sector pesqueiro.
Esta iniciativa débese á especial atención que presta OPP Lugo para poñer en valor o traballo e a parte social na pesca, traballando para incentivar o interese xeral e sobre todo dos xoves por formar parte do futuro do sector pesqueiro.
SALÓN DE GOURMETS EN MADRID
Ademais esta semana a Merluza de Burela estará presente doblemente no Salón de Gourmets en Madrid, a principal e primeira cita do sector tra-lo parón obrigado pola pandemia.
Este luns poderase degustar pescada do picho da lonxa de Burela no stand de Cepesca e o próximo mércores, dentro do programa de catas e degustacións dos produtos do Mar de Galicia, a Merluza de Burela tamén será protagonista no stand da Consellería do Mar da Xunta de Galicia.
Estas accións inclúense no Plan de Produción e Comercialización anual de OPP Lugo, e contan coa cofinanciación da Xunta de Galicia e o Fondo Europeo e Marítimo de Pesca.