Site icon Crónica3.com A Mariña

O Sindicato Labrego Galego apoia a mobilización comarcal en demanda de “Futuro para a Mariña”

A Mariña, 15 de outubro, 2021. O Sindicato Labrego Galego apoia a manifestación do vindeiro 17 de outubro en Viveiro convocada polas centrais sindicais de clase na que se vai demandar unha resposta das administracións públicas para frear e revertir a dinámica de retroceso económico e laboral que se vive na Mariña.

Entendemos que o continuo peche de empresas e a situación de incertidume na que están sumidas outras, caso de Alcoa e Vestas, con centos de postos de traballo ameazados, require dunha acción decidida por parte de todos os axentes implicados.

Entendemos, asimesmo que é preciso un plan industrial para la comarca de A Mariña, que poña o acento no desenvolvemento dunha actividade económica que aproveite os nosos recursos naturais e potencialidades, engadindo valor e achegando bens necesarios á nosa veciñanza e que procure reducir a dependencia de insumos, enerxía ou capital especulativo foráneo.

O futuro que xa estamos a ver -xa moi preto de nós- fala de dificultades na chegada de materias primas de fóra e da escasez de enerxías fósiles, dunha competencia polos recursos escasos que sen dúbida vai poñer en problemas o modelo industrial globalizado.

Neste contexto, a aposta intelixente é o desenvolvemento dun modelo económico local baseado nos nosos recursos e nas nosas capacidades produtivas, e que poida funcionar coa enerxía da que dispoñemos, sempre que sexa posible, de carácter renovable. A pesca, a horto-fruticultura, a produción de carne, leite ou madeira de calidade, son actividades económicas que se poden desenvolver dun xeito renovábel a partir de recursos locais, se somos quen de coidar o solo, os bosques, os ríos e os mares. Promover o seu aproveitamento racional, o seu consumo e desenvolver unha industria transformadora que xere postos de traballo na comarca debe ser unha das pólas máis fortes dese Plan Industrial tan urxente e necesario

Exit mobile version