A Mariña, 9 de outubro de 2021. O presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, Fran Cajoto, esixe un compromiso “público e explícito” para que a nova planta de fibra téxtil de Altri se instale nesta comarca.
Cajoto cree que “chegou o momento de falar alto e claro, berrar se é preciso. Estamos a reiterar de forma constante que un dos proxectos industriais financiados con fondos europeos Next Generation ten que instalarse na nosa comarca, danos igual o concello. Aquí non se trata de quen goberna, trátase de revitalizar ou deixar esmorecer a industria da Mariña, que está ferida de gravidade e cortar a hemorraxia. O escenario que temos é dunha incertidume abrumadora: sen garantías en Alcoa ao que lle sumamos agora o peche anunciado de Vestas. Non podemos vivir só de turismo, o momento actual é de extrema gravidade”.
O presidente da Mancomunidade de Concellos de Mariña subliña: “pedimos axuda e auxilio á Xunta de Galicia. Sabemos da importancia do sector forestal na Mariña, o 43% das cortas de madeira en Galicia -e ollo, o 25% de toda España- concéntranse no norte: Mariñas Coruñesas, Ortegal e Mariña Lucense. Contamos coa materia prima e non temos a industria que a complemente e lle dea valor engadido. Aquí é onde debe entrar o compromiso das administracións. É de público coñecemento que a industrial portuguesa Altri está a buscar emprazamento para unha nova planta de fibra téxtil a partir de celulosa que daría traballo directo a 2000 persoas. Pero non o está a buscar soa. A Xunta lidera o consorcio Impulsa Galicia que conforman a propia Xunta (40%), Abanca (38%), Reganosa (12%) e Sogama (10%): Altri sería o socio industrial e a implantanción financiariámola todos a través de fondos europeos Next Generation”.
Fran Cajoto sinala que “se está a falar da Mariña como posible ubicación. Fronte a outras candidatas galegas, a Mariña conta coa materia prima nos nosos montes e tamén ten unha necesidade evidente e urxente pola situación industrial. Pedimos compromiso político claro, público e explícito: un consorcio industrial liderado pola administración autonómica ten a capacidade de decisión. Que non se esquezan de nós”.