Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP, sorprendido porque no pleno da Deputación os alcaldes de Pedrafita, Castroverde, Viveiro, Xermade, Ribeira de Piquín e Monforte votaron contra incrementar un 25% o Plan Único

Lugo, 26 de outubro de 2021. A sesión plenaria celebrada esta mañá pola Deputación provincial foi un novo exercicio de aplicación do rodillo da maioría que conforman socialistas e nacionalistas, para impedir que prosperen as iniciativas do PP, por importantes que sexan para o presente e o futuro da provincia. Deste xeito, foron rexeitadas as iniciativas populares para incrementar nun 25% o Plan Único no 2022 e que a Deputación amañe a estrada que constitúe o cinto comarcal de Lugo. Nesta sesión, formalizouse a anunciada renuncia do ata agora deputado popular José Antonio García.

O portavoz provincial dos populares, Javier Castiñeira, sinalou ao remate do pleno: “Dende o grupo provincial do PP temos que facer unha valoración da sesión plenaria desta mañá moi similar a de moitas outras: parece ser que todo o que presenta o Partido Popular ao pleno, só por ser do PP, se vota en contra por parte do equipo de goberno; pásannos o rodillo, a pesar de ser asuntos moi, moi importantes para a provincia”.

Castiñeira sinalou: “Chámonos moito a atención que alcaldes e alcaldesas como os de Pedrafita, Castroverde, Viveiro, Xermade, Ribeira de Piquín e Monforte votaran en contra de ampliar o Plan Único nun 25%, porque é bo para eles como alcaldes e é bo para os seus veciños, pero así é a dinámica do PSOE; dos alcaldes do BNG, pois o mesmo”.

O portavoz popular explicou: “Na mesma liña, socialistas e nacionalistas votaron en contra tamén de amañar unha infraestrutura viaria moi importante, como é o cinto comarcal de Lugo, que afecta a varios concellos e tamén a concellos gobernados por alcaldes socialistas, como o de Castroverde. É lamentable que se primen máis os intereses do partido que os dos veciños; así o acaban de demostrar hoxe nesta sesión plenaria os deputados e deputadas do Partido Socialista e do BNG”. Esta moción popular foi defendida por José Ángel Santos, que deixou ver que se a estrada segue sen amañar haberá actos reivindicativos.

Renuncia
Como estaba previsto, na sesión desta mañá formalizouse a renuncia como deputado provincial do popular José Antonio García, que tiña atribuídas funcións de viceportavoz. Na súa despedida, tivo palabras de recoñecemento para os dous portavoces populares cos que desempeñou o seu traballo como deputado, Elena Candia e Javier Castiñeira. García agradeceu o traballo do persoal da Deputación e pediu desculpas por se, nalgún debate, puido molestar a alguén. O presidente da corporación, José Tomé (PSOE), e os portavoces socialista, Pilar García Porto, e nacionalista, Efrén Castro, expresaron os seus mellores desexos para o futuro do ata agora deputado provincial popular.

Exit mobile version