Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP, seguro de que prosperará a queixa que presentou á Valedora do Pobo pola negativa do presidente da Deputación a permitir o acceso de dous deputados ás instalacións de Santa María

Lugo, 06 de outubro de 2021. O grupo do PP xa deixou claro ao goberno da Deputación de Lugo en varias ocasións no que vai do actual mandato que non está disposto a deixar que pise os seus dereitos. Nesta liña, por segunda vez neste mandato, os populares buscan o amparo da Valedora do Pobo, por considerar que se vulneran de forma grave os seus dereitos e, con eles, os dereitos dos administrados a que a oposición poida levar a cabo o traballo de fiscalización do goberno que lle encomenda a lei. O portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, explica: “O grupo provincial do PP de Lugo está seguro de que sairá adiante a queixa que presentou no día de hoxe diante da Valedora do Pobo, neste caso pola negativa que deu o goberno bipartito da Deputación de Lugo a deixarnos entrar nas instalacións de Santa María, recentemente inauguradas; alí están servizos como Recadación, o departamento de Cooperación cos Concellos, Medio Ambiente, e outros servizos máis”.

Castiñeira sinala: “Esta negativa do goberno provincial é un atentado contra os dereitos dos deputados e contra os dos traballadores, porque esa negativa afectou a un traballador da Deputación. Incomprensiblemente o goberno da Deputación intenta silenciar ao Partido Popular”. Engade: “A pesar de ser o PP a formación máis votada nas anteriores municipais, os perdedores decidiron facer goberno e a oposición tócalle ao PP; e esa é a labor que levamos facendo varios anos e a que seguiremos facendo e non imos deixar que ninguén nos coarte neste traballo”.

O portavoz popular di: “Ademais de estar recorrendo toda a provincia, queremos saber tamén cal é a opinión de todos os traballadores e dos equipos que desempeñan a súas funcións nas instalacións do antigo fogar de Santa María. Iso era o que pretendía facer o PP, xa que non foi invitado á inauguración; ao día seguinte negóusenos a posibilidade de facelo pola nosa conta”.

Castiñeira avisa de que o PP non permitirá exercer ao socialista José Tomé “esta lamentable actitude ditatorial, especialmente cando se coartan dereitos; polo tanto, vémonos obrigados a presentar unha queixa máis diante da Valedora do Pobo e lamentamos ter que chegar a este punto”.

Exit mobile version