A concelleira Teresa Pérez Rodríguez, que asina esta iniciativa, sinala: “A Xunta de Galicia e a FEGAMP estableceron no 2017 un convenio de colaboración para a creación dos Concellos Emprendedores, que son os que optan pola captación de investimentos, nas axudas destinadas ao fomento do emprego, da industria, ao comercio e ao emprendemento”. Di tamén: “Para iso, teñen que implantar medidas que os fagan atractivos para a consolidación de empresas como: incentivos fiscais, facilidade para acceder ao chan empresarial e unha tramitación administrativa máis sinxela”. En síntese, as empresas ou persoas que queiran investir teñen asegurado que as licenzas de obra serán expedidas en menos de 30 días e non terán que pagar taxas por elas, poderán adquirir chan industrial municipal de maneira bonificada ou mediante alugueiro; terán bonificacións de ata o 95% no Imposto de Bens Inmobles, no de Actividades Económicas e sobre o de Construcións, instalacións e obras”.
Os populares lembran que os concellos emprendedores teñen prioridade nas axudas da Xunta dirixidas a fomentar a creación de emprego, a industria, o comercio e o emprendemento. Igualmente teñen preferencia nas axudas destinadas a mellorar os equipamentos dos parques empresariais, na creación de viveiros industriais para os emprendedores; no ámbito do comercio, teñen acceso prioritario á liña de Mercados Excelentes, que permite financiar melloras nas prazas de abastos. E, no campo do emprendemento, a Xunta favorece a estes concellos no acceso ás subvencións para crear espazos activos de emprendemento comercial no rural.
No PP entenden que o asentamento de novas empresas e negocios é vital para a creación de emprego e, como consecuencia, para o incremento do número de habitantes. Os concelleiros populares non entenden por que ata agora o equipo de goberno non se acolleu á adhesión a este programa.
O portavoz popular, Óscar Rodríguez, sinala que no actual contexto de risco de desmantelamento do tecido industrial de A Mariña resulta especialmente relevante que o Concello se sitúe nas mellores condicións para atraer empresas. Indica que na actualidade hai 147 concellos acollidos a esta declaración. Na comarca xa adoptaron esta iniciativa os de Barreiros, Cervo, Lorenzana, Mondoñedo, Vicedo e Xove.