Lugo, 29 de outubro de 2021. O responsable de Vías e Obras na Deputación, José Tomé, presidente do organismo provincial, celebrou as obras de mellora da estrada provincial entre Momán-Xermade e As Pontes de García Rodríguez asistindo a unha misa. Esta vía era unha das moitas da rede provincial que están en moi mal ou pésimo estado, debido a ineficiente xestión de Tomé como responsable do citado departamento da Deputación. O grupo provincial do PP, di o seu portavoz, Javier Castiñeira, insta a Tomé a proceder con máis seriedade e, sobre todo, a que non falte ao respecto nin se ría de todos aqueles veciños do rural que demandan o arranxo de estradas provinciais”.
Castiñeira sinala: “ O que necesitan as nosas estradas provinciais é un delegado de vías e obras terreal, que pise o terreo; non necesitamos un delegado de Vías e Obras divino como parece que quere ser o señor Tomé, que parece pensar que por ciencia infusa vai convencer aos veciños da provincia de que todo está moi ben cando as estradas están cheas de fochancas e teñen firmes en moi mal estado. Os veciños sofren estas deficiencias días a día: ao levar aos nenos ao colexio, cando teñen que ir á farmacia, para ir aos concellos ou cando teñen que usalas para a súa actividade económica”.
O portavoz popular asegura: “A realidade é diferente á que pensa o señor Tomé; polo tanto, señor Tomé, cese de inmediato ao delegado de Vías e Obras señor Tomé: ten deputados na bancada esquerda, no PSOE ou no BNG, que o poden facer mellor e, por suposto, se o necesita tamén ten deputados na bancada dereita. Seguro que temos moitos deputados que poden facer o traballo moito mellor do que o está facendo a día de hoxe o señor Tomé”.
En resumo, os populares piden “máis seriedade, menos risas; non tomemos por tontos aos nosos veciños, que o que queren é que os políticos os escoiten e dean solucións reais aos seus problemas”. Castiñeira engade: “As solucións divinas, son para outras situacións, que respectamos, pero que non deben mesturarse coa política nin con problemas dos veciños como é o do mal estado das estradas provinciais”.