Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP insta ao goberno provincial a cumprir o compromiso adquirido na súa investidura e incrementar nun 25% o importe do Plan Único para o 2022

Lugo, 14 de outubro de 2021. No momento da investidura, o goberno provincial, presidido polo socialista José Tomé, comprometeuse a incrementar nun 25% o Plan Único. O PP considera que xa é tempo de que socialistas e nacionalistas cumpran o que prometeron hai máis de dous anos e, neste momento de recuperación económica e social, reforcen a aportación da Deputación aos concellos por medio do citado plan co incremento que anunciaron. Así o sinalou o portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, en Cospeito.

Castiñeira explica: “Iniciamos en Cospeito, con Armando Castosa, unha rolda de entrevistas con alcaldes de diferentes puntos da provincia, para escoitar propostas e necesidades dos nosos concellos e trasladalas ao goberno provincial para que poidan ser incluídas nos orzamentos do 2022. Temos que recordar que o grupo provincial do PP, no mes de xuño, xa remitiu unha carta de ofrecemento ao bipartito para colaborar na elaboración destes orzamentos; o bipartito aínda non contestou, o que demostra un desinterese absoluto en buscar consensos, algo que non nos sorprende, posto que é o que leva facendo o señor Tomé durante todo este mandato”.

O portavoz popular sinala: “Dende A Terra Chá, a primeira petición que nos fai un alcalde, e penso que estarán de acordo a totalidade dos veciños, é que o goberno provincial cumpra a súa promesa, no momento da investidura, de subir un 25% o importe do Plan Único. Sería unha moi boa acción para as entidades locais, sobre todo nun momento no que están elaborando os orzamentos e a pandemia ten limitada a súa capacidade de investimento. No caso de Cospeito, se PSOE e BNG na Deputación de Lugo cumpren o seu compromiso de subir un 25% o Plan Único, suporía máis de 90.000 euros, que serían moi importantes para Cospeito e irían a obras e accións para mellorar a calidade de vida dos veciños desta localidade”.

Castiñeira lembra que “o ano pasado, Cospeito dedicou unha gran parte do seu Plan Único a mellorar estradas, que é unha demanda dos seus veciños; é moi importante tanto para os veciños como para as pequenas e medianas empresas, para as ganderías, etcétera”.

Os populares destacan que “o Plan Único é unha das melloras accións dos últimos anos da Deputación de Lugo, que chegou no seu día con consenso entre as dúas grandes forzas políticas da provincia, cando era presidente Darío Campos”. Engade Castiñeira: “Ese espírito de consenso demostrado por Campos e Elena Candia é o que nós pedimos para saír adiante nesta época de recuperación e contando con todos os alcaldes da provincia, tamén cos o PP”.

Exit mobile version