Os populares queren que a socialista Loureiro explique ao plenotodas as accións desenvolvidas ata o de agora polo equipo de goberno para levar a cabo os puntos da súa moción, aprobada en pleno o 10 de marzo de 2020, en síntese a construción das pistas de atletismo no campo de Celeiro, que leven o nome de Adrián Ben e que se dea una bolsa económica a este deportista. Igualmente, pretenden que a alcaldesa, que pertencía ao equipo de goberno que hai once anos anunciou o investimento de 2 millóns de euros para as instalacións deportivas, expoña as razóns polas que, desde entón, non se construíron as pistas.
O PP lembra que en maio de 2009, o entón presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, anunciaba, segundo recollía La Voz de Galicia, que ía investir 2 millóns de euros para a construción do parque de bombeiros e unha ampla zona verde que incluía un campo de fútbol, oito pistas de atletismo, vestiarios e bancadas. Uns anos despois, en xuño do 2013, El Progreso informaba de que os 110.000€ do fondo ambiental serían para as pistas de atletismo de Celeiro.
O grupo que ten por portavoz a Óscar Rodríguez pregúntase “que foi da gran aposta de Besteiro por Viveiro e que fixo o equipo de goberno para manter viva esa gran aposta”, porque “a día de hoxe, como todos sabemos, as pistas de atletismos homologaranse en Cervo, o que é unha triste noticia para Viveiro”. Engade: “Unha vez máis, Viveiro perde outro servizo para os nosos veciños e un gran recurso para atraer visitantes, polo que se perde outra oportunidade de desestacionalizar o noso turismo; Viveiro xa non se pode permitir máis perdas”.
Ponte da Misericordia
Os populares presentarán tamén un rogo no próximo pleno para a mellora da Ponte da Misericordia. Pretenden que se leve a cabo unha inspección do estado desta infraestrutura “para quesexa posible adoptar as medidas necesarias para que esta peza do Patrimonio Histórico de Viveiro poida lucir en todo o seu esplendor e, de paso, evitar posibles lesións e danos”.
Os concelleiros do PP fan un detallado repaso á historia desta infraestrutura e sinalan: “Esta ponte, ademais de formar parte do Patrimonio Histórico de Viveiro, é moi transitada dado que, ademais de unir os dos núcleosmáis importantes (Viveiro e Covas), é o principal acceso á zona escolar e pavillóns, polo que centos de alumnos e veciños pasan por ela diariamente”. Teñen comprobado que a varanda da ponte está moi deteriorada nalgúns puntos.