Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP cualifica de “puñalada á provincia” do goberno da Deputación a contratación a dedo a unha empresa cántabra da consultoría para a xestión dos fondos Next Generation

Lugo, 11 de outubro de 2021. O goberno provincial vive inmerso nun constante proceso de emenda a si mesmo, froito da falta de proxecto para Lugo, da improvisación derivada da incoherencia coa que opera tanto no campo propiamente político como no da xestión. Os lucenses sofren as consecuencias desta maneira de gobernar de socialistas e nacionalistas. E, por riba, o goberno presidido polo socialista José Tomé mostra unha e outra vez a súa falta de confianza nos lucenses. De novo, volve demostrar esa desconfianza, a falta de proxecto para Lugo e a improvisación na contratación da consultoría para a xestións dos fondos Next Generatión, dos que antes asegurou que non eran asunto que fose competencia das deputación. Así o sinala o portavoz popular, Javier Castiñeira, que di: “ O pasado venres, o grupo provincial do PP comprobou como o equipo de goberno da Deputación contratou a unha consultora cántabra para xestionar os fondos europeos de recuperación, os fondos Next Xeneration da provincia de Lugo”. Considera que se trata dunha “auténtica puñalada á provincia, unha demostración da absoluta falta de confianza nos lucenses dos que se din sempre nacionalistas e que apoian a esta provincia”.

Castiñeira pon de manifesto que, neste caso, o bigoberno provincial (PSOE-BNG) “deixa de lado á Universidade, aos diferentes equipos técnicos da provincia, ás empresas e ás enxeñerías de Lugo; incluso se deixa de lado o proxecto de Jóvenes Empresarios de Lugo para xestionar fondos Next Generation, ao que votaron en contra no pasado mes de xuño, e se contrata a unha empresa foránea”.

Os populares din que descoñecen cales son os motivos polos que o equipo de goberno contrata a unha empresa non lucense para xestionar o futuro dos lucenses, dos concellos, de toda a provincia. Castiñeira aclara: “O que si sabemos é que todo isto é unha incoherencia, pura improvisación e que non existe proxecto algún”.

No PP lembran que “hai unhas semanas, o señor Pablo Rivera (PSOE) dicía no pleno que as deputacións non terían protagonismo na xestión dos fondos Next Generation”, e engaden: “Agora, hai uns días, a súa compañeira de goberno, a señora Pilar García Porto di absolutamente o contrario: que está traballando arreo na xestión deses fondos”.
Para Javier Castiñeira, “a incoherencia non é o peor; o peor é a falta de proxecto e que non se está contar cos grupos políticos; peor aínda, a falta de confianza nos lucenses, nos equipos de investigación da nosa provincia, nos nosos empresarios, nos nosos enxeñeiros, nos técnicos da Deputación”. Considera que “todo isto queda demostrado coa contratación a dedo desta empresa cántabra para xestionar os fondos de recuperación da provincia de Lugo”.

Exit mobile version