Burela, a 15 de outubro de 2021. “O señor Llano e o seu equipo de goberno dan por normalizada a súa total incapacidade de xestión do día a día do Concello de Burela”. Así o manifesta o voceiro do Grupo Municipal Popular de Burela, Manuel Rouco, tralo trasladado polos traballadores da empresa concesionaria da recollida do lixo e de limpeza viaria.
O popular lembra que “o señor Llano o día que aprobou, grazas ao apoio do BNG, o contrato de recollida do lixo máis caro da historia de Burela manifestou que isto ía supoñer unha substancial mellora na calidade do servizo e tamén para os traballadores que ían ser subrogados á nova empresa”. Pero, “algo máis dun ano despois da súa aprobación en pleno polo PSOE e o BNG, podemos constatar que nin unha cousa nin a outra”.
Rouco sinala que “o servizo non mellorou absolutamente nada a pesar de que o custo se incrementou en 160.000 euros máis ao ano con respecto ao anterior contrato. Só hai que ver os contedores soterrados que están sen amañar ou moitos dos contedores superficiais que non están anclados aos sistemas que deberían e arredor dos que se amorea o lixo, tal e como demostran as queixas continuas dos veciños e veciñas”.
Tamén fai referencia o popular “ás beirarrúas que seguen coa maleza sen limpar e a que o novo reparto por zonas para varrer a vila pasa de catro a cinco, pero que non serviu para mellorar o servizo porque habitualmente várrense tres ou, como moito, unha cuarta zona sen que o persoal reciba apoio extra tal e como se lle prometera, segundo nos informan”.
Rouco explica tamén que “a mellora laboral que o alcalde lles prometeu aos traballadores subrogados á nova empresa concesionaria non só non existe, senón que a súa situación empeorou. Os propios traballadores nos explicaron que xa non cobran o plus dos domingos. Tampouco son cubertas as baixas e, polo tanto, a calidade do servizo vese danada”.
O voceiro popular en Burela expón que “a empresa concesionaria está a prestar servizo tamén noutros concellos limítrofes con recursos destinados ao Concello de Burela e nun horario no que a prestación do servizo debe ser realizado no noso termo municipal. É un despropósito que ese tempo se lle facture igualmente ao Concello de Burela”.
“A este respecto nin o alcalde Llano nin o concelleiro de obras, Ramiro Fernández, un dos máximos defensores desta carísima concesión da recollida do lixo, din nada de nada”, apunta o popular.
Condena, polo tanto, que “tanto para o alcalde coma para o tenente de alcalde sexa fácil dilapidar os cartos que pertencen ao conxunto dos veciños de Burela”. E engade que “con eses 160.000 euros que costa máis ao ano poderíanse conceder moitas axudas a entidades sociais, deportivas, comerciais e empresariais da nosa vila”.