Santiago, 20 de outubro de 2021. O Parlamento galego aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno central a activación urxente das medidas pendentes en favor da industria electrointensiva para garantir a súa viabilidade presente e futura. Neste sentido, solicitou que se proceda á intervención pública da factoría de Alcoa en San Cibrao, inicialmente de forma transitoria e a través da SEPI, coa fin de asegurar o mantemento do emprego e da actividade industrial, e facilitar a súa posterior venda a un inversor privado que garanta un proxecto industrial viable.
A portavoz popular de Enerxía, Marta Nóvoa, lembrou que “hoxe se cumpren tres anos e tres días desde a primeira crise na industria electrointensiva de Galicia, cando Alcoa avisaba do peche inminente da súa factoría en A Coruña”. “Tres anos sen solucións e en risco o emprego de milleiros de traballadores, aos que mandamos todo o noso apoio”, apuntou.
NAS MANS DO GOBERNO CENTRAL
“Está nas mans do Goberno central desbloquear a venda da planta de aluminio de Alcoa e tamén está nas súas mans ofrecer un prezo eléctrico competitivo que lles permita contar coa seguridade xurídica necesaria para que os posibles compradores poidan presentar as súas ofertas”, explicou.
A proposición non de lei aprobada hoxe demanda ao Goberno central a adopción de medidas urxentes como incrementar o orzamento destinado ás subvencións relativas ao mecanismo de compensación de custos de emisións indirectas de gases efecto invernadoiro á contía máxima permitida pola Unión Europea, que podería chegar aos 310 millóns de euros; activar o Fondo Español de Reserva para Garantías de Entidades Electrointensivas para a cobertura dos riscos derivados de operacións de compravenda a medio e longo prazo de subministración de enerxía eléctrica (PPA) entre consumidores de enerxía eléctrica que teñan a condición de electrointensivos; convocar de modo inmediato as poxas de electricidade de orixe renovable para a adquisición por parte dos consumidores electrointensivos; e establecer mecanismos de xestión da demanda que permitan ofrecer flexibilidade ao sistema eléctrico, que, á súa vez, servirá para reducir o custo eléctrico final.
Marta Nóvoa explicou que as empresas electrointensivas “pagan hoxe de media 125,50 euros/MWh, que é máis do dobre respecto a Francia e un 44 por cento máis que en Alemaña”. Neste sentido, lamentou que a súa situación “empeorou desde a aprobación do estatuto da industria electrointensiva, xa que antes había unha diferencia con Francia e Alemaña de 20-25 euros o megavatio hora e agora hai un diferencial de 40 a 70 euros”.
“Toda esta situación é resultado de decisións improvisadas e moi sectáreas por parte do Goberno de Pedro Sánchez, provocando unha transición enerxética moi forzada, errática e que destrúe emprego”, criticou a portavoz popular, quen anotou que estas decisións “provocan que levemos tres anos agardando por un prezo da luz competitivo para a industria electrointensiva e motiva que teñamos a Alcoa nunha situación insostible e pendente dos tribunais”.