Santiago de Compostela, 05 de outubro de 2021. A Comisión de Pesca do Parlamento aprobou hoxe unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para urxirlle á Xunta que lle “quite o freo de man” á cesión dos terreos portuarios en desuso para que revertan nos concellos que o soliciten. O parlamentario socialista Julio Torrado presentou esta iniciativa para pedirlle á Xunta que “deixe de entorpecer” ás entidades locais.
Torrado explicou que o PP se negara a apoiar unha iniciativa parlamentaria neste mesmo sentido presentada en 2018, que logo da intercesión da Fegamp “moveron algo a súa posición”, xa que pasaron a aprobala en 2020, se ven levan 8 meses adiando o seu cumprimento. O parlamentario socialista pediulle ao PP que clarificaran a súa postura nesta ocasión porque, parafraseando ao “escritor defraudador” Vargas Llosa, dixo, “hai que votar ben”.
O parlamentario socialista empregou a cita do dito escritor na convención do PP desta pasada semana, inmediatamente antes de coñecerse da súa implicación nos “papeis de Pandora”, que evidencian que empregou varias sociedades off – shore para evadir impostos. Torrado emprazara ao PP a “desempatar” na votación da sesión de hoxe, “e que non teñamos que ir a penaltis”.
A iniciativa aprobada hoxe empraza ao goberno galego a axilizar os trámites e “darlle continuidade ao acordo instado polo Parlamento de Galicia e a Fegamp, informando favorablemente en todos os casos que sexa posible e non repercutindo ningún custe extra para os concellos”. Puntualizou que os terreos deben ser cedidos “alí onde os concellos o soliciten” sen que teña que ser a Xunta quen decida “unilateralmente” que terreos propón para que sexan cedidos.
Estratexia cínica
Lembrou a situación de diversos concellos, como o caso de Burela, onde o Porto ten en desuso un terreo de 1.900 metros cadrados en plena Travesía do Porto. O caso de Burela foi precisamente presentado nunha Proposición non de Lei polo Grupo Socialista nesta mesma sesión da Comisión de Pesca, que o PP rexeitou, evidenciando a súa estratexia “cínica e hipócrita” de apoiar a reversión dos terreos ao tempo que lle “meten paus nas rodas” ás entidades locais.
O mesmo sucede nos concellos de Cariño ou O Grove, onde o propio edificio do Concello está en terreo portuario, o que lle obriga a pagar o canon correspondente. Advertiu de que os concellos están obrigados a pagar por uns terreos que ademais teñen que acondicionar, xa que os portos “cobran taxas sen dar servizos”.
Torrado puxo o foco sobre a situación de terreos que manteñen a titularidade das autoridades portuarias malia que teñen deixado de ter utilidade portuaria pola expansión urbanística e por terlle gañado terreo ao mar. Sen embargo portos “cobra, pero solo cobra, ninguén fai mantemento, ninguén limpa, arranxa as beirarrúas ou repara as farolas que perden luz”, por non falar de “terrazas que teñen taxas e normativas distintas dun lado e outro da rúa”.
Advertiu que se trata dunha “cuestión administrativa” que prolonga un problema para as actividades deportivas, culturais ou comerciais que teñen que pagar elevadas cotas para desenvolverse nuns terreos que serían moito máis asequibles de ser titularidade dos concellos. Reclamou “vontade política para acadar unha solución” que permita a adhesión voluntaria dos concellos “que crean que poidan facerse cargo daqueles terreos que soliciten”.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
–“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a axilizar os trámites necesarios para facilitar a reversión aos concellos dos terreos de titularidade portuaria autonómica que son actualmente de uso portuario residual ou inexistente, dando continuidade ao acordo instado polo Parlamento de Galicia e a Fegamp, informando favorablemente en todos os casos que sexa posible e non repercutindo ningún custe extra para os concellos”.