Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2021. A Comisión de Industria do Parlamento aprobou hoxe parcialmente unha proposición non de Lei presentada pola parlamentaria socialista Patricia Otero para reclamarlle á Xunta que tome “tódalas medidas de apoio aos traballadores e traballadoras afectadas polo anuncio de peche de Vestas”. Otero, que mantivo un encontro co Comité de Empresa na concentración convocada hoxe no Parlamento, lamentou sen embargo que o PP rexeitara a parte da proposta que incluía un plan de reindustrialización para a comarca.
Otero criticou a política de anuncios baleiros de contido despregada pola Xunta dende o anuncio de peche da factoría de Chavín –Viveiro-. Sinalou que “é moi necesario que nos poñamos a traballar con feitos e con realidades, e non só con eslóganes” e urxiulle á Xunta que adopte “tódolos mecanismos posibles para tumbar o ERE” presentado pola empresa con evidentes mostras de mala fe.
A responsable socialista reclamoulle ao goberno galego que adopte con Vestas as medidas para dificultar o procedemento de ERE que antes lle reclamaba ao goberno do Estado para coa situación de Alcoa. A singularidade deste caso, dixo, é que a empresa está afincada en Galicia e o ERE foi presentado diante da Xunta de Galicia, que ademais ten competencias exclusivas en materia industrial, de acordo co Estatuto de Autonomía.
Lamentou que o goberno de Feijóo leva “12 anos gobernando e non foron quen de ler o Estatuto de Autonomía nin de entender o artigo 30.1”, e sinalou que “se non son quen de exercer as súas competencias en materia industrial, tal vez sexa o momento de cedérllelas a quen quere e pode exercitalas”. Deste xeito, urxiu a convocar a Mesa Industrial para analizar as alternativas viables para garantir o mantemento dos postos de traballo”.
Acusou ao PP e ao goberno galego de centrarse en “botar balóns fora e responsabilizar ao goberno central”, que demostrou a súa implicación asistindo á Mesa de traballo convocada pola Xunta, que “tardou unha semana en recibir ao Comité de Empresa”.
Plan de reindustrialización
Patricia Otero acusou ao goberno galego de “non tomar en serio un plan de reindustrialización para a nosa comarca” coa mirada posta no medio e longo prazo, ao igual que aprobaron antes os plans Ferrol e Ourense. Denunciou que “o seu compromiso coa Mariña limítase a puros eslóganes” e reivindicou unha “aposta decidida” pola comarca.
A responsable socialista reclamara hoxe un plan de reindustrialización para a Mariña Lucense “con medidas concretas, achega orzamentaria, proxectos definidos e un calendario de execución e avaliación de resultados”. Sen embargo o PP obrigou a deixar este apartado á marxe do acordo de hoxe, que votaron por separado para opoñerse.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
– “O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a adoptar todas as medidas de apoio aos traballadores e traballadoras afectadas polo anuncio de peche da factoría de Vestas en Chavín –Viveiro- e para as súas familias”.