Otero reivindicou unha “aposta decidida para axudar ao sector da pesca” de cara á reactivación económica e á recuperación post covid que está ausente das contas presentadas pola Consellería do Mar, que deixa abandonado a un sector tamén afectado polas consecuencias da pandemia. Lembrou a incidencia das limitacións da actividade e os peches da hostalería, que tiveron unha importante repercusión nas contas de resultados do sector.
Sen embargo, esta Consellería “nin respalda nin inclúe unha resposta decidida” para as medidas que anuncia na súa Memoria de Orzamentos, co que “unha cousa é o que din que van facer e outra moi distinta o que poderán facer”. Ademais, alertou da baixa execución dos Orzamentos da Consellería de Pesca, unha práctica “lamentablemente reiterada exercicio tras exercicio” e que lastra o impulso ao sector dende a administración autonómica.
Explicou que dúas partidas fundamentais como deberan ser promoción da Acuicultura e a Regulación de Producións e de Mercados de Pesca, que supoñen o groso do orzamento da Consellería, a metade do ano tan só teñen unha execución de apenas un 9,6 e un 3,6 por cento do gasto previsto, respectivamente.
O mesmo sucede, dixo, cos fondos comunitarios para a Pesca, os coñecidos como FEMP e os próximos FEMPA, dos que a dous anos do remate aínda están sen executar a metade das partidas dispoñibles. Dos 371 millóns de euros destinados a Galicia no FEMP, tan só foron executados 117, co que restan en carteira 152 millóns de euros. Sinalou que neste exercicio volven incorporar os mesmos 89 millóns de euros FEMP que deixaron sen executar nos anos anteriores.
E isto mentres a Consellería segue sen dar conta de cales dos máis de 300 proxectos anunciados pola Xunta para optar a fondos Next Generation EU forman parte do sector do mar, o que “cremos que é enganar á cidadanía”.