Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2021. A voceira de Pesca do Grupo Socialista reclamoulle hoxe á Xunta de Galicia que adopte medidas de apoio ás lonxas e peixerías de proximidade que están a sufrir as consecuencias económicas das restricións derivadas da covid na súa actividade.
A deputada socialista recolle deste xeito as propostas trasladadas polo propio sector, que -ademais de respaldo económico e financeiro- tamén demanda que se activen campañas para incentivar o consumo local, para fomentar a compra en peixerías de proximidade e para apoiar aos comerciantes minoristas que venden este tipo de produtos.
Nesta liña, a parlamentaria socialista lembrou que o sector da pesca -que non é alleo ao resto de sectores produtivos e económicos- “está a sufrir fortemente as consecuencias económicas desta pandemia”, sobre todo as derivadas dos distintos peches e limitacións que está a vivir a hostalería e “que afectan directamente a gran parte do sector pesqueiro e, sobre todo, marisqueiro”. E iso malia que durante a pandemia o sector da pesca foi declarado como sector esencial, co cal continuou traballando “para que que non faltase un alimento esencial na nosa dieta”.
Con todo, Patricia Otero incidiu en que “a situación que estamos a atravesar nesta crise sanitaria e tamén económica incide negativamente no consumo de determinados produtos procedentes da pesca e o marisqueo”. Así, a deputada do PSdEG alertou de que “os datos de facturación neste sector caeron drasticamente no ano 2020”.
Neste contexto, a voceira de Pesca do Grupo Socialista expresou o seu desexo de que nos orzamentos da Xunta para 2022 se contemplen partidas para este tipo de campañas. En calquera caso, advertiu de que “de nada vale que nas contas estean contempladas diferentes cantidades para o sector cando o nivel de execución é moi baixo”, tal e como está a suceder ao longo deste ano.
Ademais, Patricia Otero confrontou esta situación coa “aposta decidida” do goberno central. Nesta liña, subliñou que o orzamento de Pesca para 2022 por parte do Ministerio é de 72,8 millóns de euros, que son 11,2 millóns máis que en 2021. A esta cantidade hai que engadirlle os fondos de recuperación, transformación e resiliencia ata chegar a un total de 130,3 millóns de euros, o que supón 57 por cento máis que este ano.
A maiores, Patricia Otero lembrou que “o sector tamén pide medidas para paliar ou minimizar os impactos da pandemia da covid-19 na pesca artesanal e o marisqueo”.
Como exemplo desta situación, a deputada do PSdeG fixo fincapé en que, dende que o Grupo Socialista rexistrou esta proposta ata día de hoxe, os buques pesqueiros censados en Galicia baixaron de 4.312 a 4.270. Destes, os buques dedicados ás artes menores pasaron de 3.837 a 3.798 e os de cerco e pasaron de 152 a 149. A maiores, o número de profesionais directos dedicados ao marisqueo a pé rolda as 3.800 persoas, maioritariamente mulleres.
“Estas cifras”, indicou Patricia Otero, amosan o peso que o sector pesqueiro artesanal e o marisqueiro ten no sector pesqueiro de Galicia” pero tamén evidencian “o impacto que a crise da covid está tendo no sector”.