Burela, a 27 de outubro de 2021. Os populares de Burela subliñan que “por fin se dignou o goberno municipal a facer o que o Grupo Municipal Popular lle levamos pedindo tanto tempo, dende que comezou a pandemia: condonar as taxas do lixo e da auga por un período equiparable ao tempo no que estiveron coa actividade mermada debido aos efectos da pandemia”.
Con todo, consideran que “estas medidas chegan tarde. Outros concellos da contorna xa aprobaron, con bo criterio, o ano pasado este tipo de medidas que aplicaron no momento que tocaba, cando máis dura estaba a ser a pandemia”, remarca.
O voceiro, Manuel Rouco, cre ademais que “estas medidas deberían ser extensible tamén ao resto de comercios de Burela que se viron directamente afectados”.
O popular engade que “o goberno de Llano por fin decidiu facer extensible a condonación de taxas de terrazas para todo este ano, despois de negarse ás peticións realizadas a finais do ano pasado polo Grupo Municipal Popular nese mesmo sentido. Veremos se é certo ou se é unha cortina de fume das que lles gusta empregar ao goberno local”, advirte.
Non todos os negocios puideron beneficiarse das axudas directas
Os populares explican tamén, en relación ás axudas directas convocadas polo Concello o ano pasado, que “o Grupo Municipal Popular xa advertira ao goberno local que a complexidade das súas bases dificultarían que tódolos comerciantes, hostaleiros, autónomos e empresarios de Burela afectados pola pandemia puideran resultar, efectivamente, beneficiados”.
A día de hoxe, e “a pesar de que o noso grupo interpelou ao goberno local en varias ocasións, continuamos a descoñecer a contía final repartida entre os negocios aos que se dirixían estas axudas; cando o que anunciaran con fogos de artificio foran 125.000 euros que, finalmente, non deron chegado”.