Barreiros, 22 de outubro de 2021. O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, participou hoxe en Barreiros nunha sesión da acción formativa Tips de maquinista: axustes, parametraxe e calibracións para a optimización de procesadoras e autocargadores forestais, organizada pola Asociación de Empresarios da Primeira Transformación de Lugo (Lugo Madera) durante este mes de outubro.
A actividade conta co apoio da Xunta de Galicia a través do programa de axudas para a organización de actividades formativas non regradas e de divulgación que impulsen o coñecemento, a competitividade e a innovación da industria forestal de Galicia.
“Este tipo de accións son fundamentais para mellorar os coñecementos dos profesionais dun sector con gran potencial para crear riqueza e novas oportunidades de emprego nunha Galicia máis verde”, manifestou Lema, ao mesmo tempo que salientou o “compromiso” de Lugo Madera cos traballadores do ámbito forestal a través de cursos como este.
Así, o obxectivo do curso é formar operarios de maquinaria forestal pesada, aproveitando todas as súas ferramentas, logrando ser máis eficaces e eficientes no seu manexo. A formación tamén persegue mellorar o rendemento produtivo e a seguridade do operario durante a realización dos traballos, ao mesmo tempo que analizará as causas de posibles avarias e imprevistos xurdidos nos aproveitamentos forestais para poder evitalos.