Viveiro, 18 de outubro de 2021. O Concello de Viveiro quere agradecer a masiva participación na manifestación convocada este domingo polo futuro industrial da Mariña.
O goberno local mostra o seu total apoio ás reivindicacións dos sindicatos, que hoxe saíron á rúa para pedir solucións ao desmantelamento industrial que está a vivir a comarca.
A intención de Vestas de pechar a súa fábrica en Viveiro anunciada nas últimas semanas súmase á situación de Alcoa e á longa lista de peches e recortes industriais nestes anos na Mariña. Unha perda de tecido industrial que tanto a cidadanía como o propio Concello de Viveiro veñen denunciando de forma constante.
O goberno local espera que as reivindicacións escoitadas hoxe na rúa permitan un maior compromiso coa situación da comarca.
Por iso, o grupo de goberno reclama de novo un plan de reindustrialización para a comarca, así como unha mesa de traballo con todos os axentes implicados e a presenza activa do Goberno central e da Xunta de Galicia.
O Concello de Viveiro agradece de novo o esforzo de toda a cidadanía, en especial dos sindicatos e dos traballadores/as afectados, para lograr un cambio na comarca e garantir o seu futuro industrial.