Ribadeo, 6 de outubro de 2021. A Concellaría de Medio Rural organiza un plan de formación rural que se desenvolverá de outubro a decembro en varias parroquias. Haberá obradoiros de elaboración de pan, de queixos, de xabóns, de cervexa e de cosmética. A inscrición estará aberta ata o 22 de outubro no teléfono do Concello 982 128 650.
O concelleiro de Medio Rural, Marcos Villamil, anunciou que “dende o Concello de Ribadeo organizamos unha serie de actividades que imos levar a cabo nas escolas de diferentes parroquias dentro dun plan de formación rural para este 2021. Para estes meses que quedan do ano propoñemos un total de cinco cursos de diferente duración, que se celebrarán na fin de semana e que serán gratuítos”.
O edil ribadense explicou que “comezaremos este mes de outubro cun curso de elaboración de pan o sábado 23 en horario de dez da mañá ás sete da tarde, na escola das Anzas. Seguiremos en novembro cun taller de elaboración de xabóns o día 13 en horario tamén de dez da mañá ás sete da tarde no local social de Vilaselán; e outro de elaboración de cervexa no mesmo horario o sábado 20 na escola de Ove. Xa no mes de decembro organizaremos unhas xornadas de cosmética natural o día 4 en Vilaframil e un curso para a elaboración de queixos os días 11 e 12 na escola de Remourelle”.
Marcos Villamil dixo que “todas aquelas persoas interesadas en participar nestas actividades deberán chamar ao teléfono do Concello 982 128 650, preferiblemente antes do 22 de outubro, para anotarse”.