Desde o goberno municipal cervense amosan a súa satisfacción pola confirmación do Tribunal Supremo da sentencia do TSXG, que permite a 524 empregados da factoría de Alcoa manter o seu posto de traballo.
Declara o alcalde Alfonso Villares “estamos moi satisfeitos con esta resolución, posto que significa que máis de cincocentos veciños e empregados da factoría conservarán o seu posto de traballo, xunto cos empregos indirectos que se derivan da súa produción”. Segundo Villares “esta boa nova supón un pequeno alivio para todos os traballadores e as súas familias, que levan sufrindo todo este tempo desde que se iniciou o proceso de despedimento, ademais de toda a veciñanza, dos que gran parte son residentes do noso municipio, que depende directa ou indirectamente da continuidade da fábrica”.
O rexedor quere “felicitar aos traballadores por acadar este resultado que lles permite facer un avance á hora de manter os seus postos de traballo, aínda que hai que manter certa prudencia, posto que se teñen que dar unha serie de pasos máis para alcanzar unha solución definitiva que consiga garantir ao 100% a continuidade da fábrica.