Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela mellora a iluminación do pavilón Vista Alegre

Burela, 19 de outubro de 2021. O Concello de Burela realiza obras de mellora na iluminación do pavillón Vista Alegre. O investimento, procedente de fondos propios, ascende a máis de 14.000 euros. O concelleiro de Obras, Ramiro Fernández Rey, contou que foi unha demanda do Burela FS e que o esforzo realizado é necesario pola imaxe que se ofrece do pobo nas retransmisións deportivas.

O edil contou que “desde o Concello de Burela queremos anunciar que estes días se está procedendo a facer unha obra solicitada polo Burela Fútbol Sala que necesitaba unha mellora na instalación eléctrica do pavillón Vista Alegre. Xa se fixeran actuacións nese eido alí, pero a verdade é que aínda non conseguíamos a calidade lumínica que se necesitaba, sobre todo para as televisións”.

Ramiro Fernández dixo que “hai que ter en conta que ao final é a imaxe do pobo e consideramos necesario facer ese esforzo e intentar mellorar esa iluminación tanto para os equipos profesionais como tamén para todos os usuarios e usuarias do pavillón”.

O concelleiro de Obras explicou que “a obra ten un presuposto de 14.916,84 euros, procedentes de fondos propios municipais. Pensamos que esta semana quedará a obra rematada, xa que os traballos deron comezo hai uns días. O que estamos facendo é substituír as lámpadas que había por unhas campás led de 200 vatios co cal, estiven alí estes días vendo como vai a obra, e nótase unha melloría importante na iluminación. Tamén aproveitamos para cambiar cadros e corrixir algún defectillo eléctrico que había na propia instalación”.

Fernández Rey lembrou que “era unha solicitude que nos facía insistentemente o fútbol sala e, unha vez máis, intentamos cumprir neste caso co Burela Fútbol Sala, pero como digo non é só para ese club senón tamén para todos os usuarios e usuarias do pavillón Vista Alegre, que van ver unha mellora na calidade lumínica que penso que é positiva para todos”.

Exit mobile version