Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela instalará un telescopio panorámico no Monte Castelo, onde creará un xardín botánico

Burela, 28 de outubro de 2021. O Concello de Burela ven de recibir unha subvención de 30.000 euros da Axencia de Turismo de Galicia que se destinará á instalación dun telescopio panorámico no Monte Castelo, onde tamén se creará un xardín botánico, á ampliación da ruta circular de sendeirismo, á creación dun área recreativa na Vila do Medio e á protección de pomares en Pomeda, entre outras actuacións.

O alcalde de Burela, Alfredo Llano, contou que “o Concello de Burela solicitou unha subvención de 30.000 euros, a través da Axencia de Turismo de Galicia, que foi concedida. Imos tratar de facer unha boa labor no atractivo turístico que mesture a información, o coñecemento e o medio ambiente. Queremos unir o turismo a aquilo que sexa importante e que teñamos moito que ofrecer en Burela”.

O rexedor explicou que “na área recreativa do Monte Castelo vaise colocar un telescopio panorámico, que penso que vai ser un atractivo para toda a xente que pase por alí. Tamén se van colocar uns paneis informativos indicando todo o que hai fronte a ese miradoiro para que se dea información detallada. Ademais se vai traballar nun área de Vila do Medio, onde hai unha fonte e un lavadoiro moi antigo. Vaise adaptar esa zona como un área recreativa colocando unha serie de mesas e bancos, para que alí se poida descansar.Tamén vai ser importante a protección de diversos pomares na zona de Pomeda. Alí hai un castiñeiro antigo e vaise actuar para darlle singularidade a esa zona e que sexa coherente co nome de Pomares de Pomeda, polo tanto é recuperar un pouco o que xa existía”. Llano dixo que “cerca de aí hai un muíño, que no seu día se vai recuperar, vaise facilitar un roteiro de sendeirismo que vai discorrer pola ruta circular ou polo novo camiño que vamos abrir e que vai parar a Vilar e despois a xente pode distribuírse cara á Marosa ou cara ao pobo”.

Alfredo Llano engadiu que “imos establecer mecanismos para aumentar as posibilidades do sendeirismo co que se vai facilitar que veña moita xente a practicar este deporte. Imos procurar darlle unha dimensión grande ao Monte Castelo na área recreativa con ese telescopio máis o xardín botánico que se vai crear porque existe moita diversidade de flora. Tamén imos incrementar as posibilidades da ruta de sendeirismo, as plantacións de árbores e a colocación de diferentes áreas recreativas para que a xente ao mesmo tempo que vai andar poida parar a comer ou descansar nesas zonas tan singulares e bonitas de ver”.

Exit mobile version