Iriarte explicou que “o obxectivo desta campaña é o fomento da actividade comercial durante dous meses mediante a fidelización do cliente tanto da vila como visitantes a través de tarxetas de desconto de 0´09 euros por litro de combustible”.
Pérez dixo que “as tarxetas Acisa Aforro de desconto obteranse gratuitamente realizando as compras en calquera dos establecementos asociados a Acisa Ribadeo, e so se entregará unha por cada tícket de compra cun gasto mínimo de 10 euros. Esta promoción é válida dende mañá, 15 de outubro, ata o 14 de decembro, período no que os clientes poderán lograr as súas tarxetas”.
O presidente de Acisa sinalou que “esta promoción non é acumulable a outras e as tarxetas deberán ir debidamente seladas por cada establecemento, sendo dun único uso. De modo que para aplicar un novo desconto noutra repostaxe deberá entregarse unha nova tarxeta. Esta campaña so é válida na estación de servizo Valcarce de Ribadeo, que asume integramente o desconto de 0´09 euros por litro”.
O xerente da asociación engadiu que “Acisa Ribadeo xa levou a cabo esta campaña noutras ocasións e debido ao éxito obtido decidimos volver desenrolala neste caso durante dous meses”.
Iriarte engadiu que “este ano co elevado custe dos carburante pareceunos unha grande oportunidade poñela en marcha, xa que é unha forma directa de axudar a aforrar aos nosos clientes no seu día a día e por ese motivo imos poñer en circulación 70.000 tarxetas”.
Balance da Ponte do Pilar
Acisa fai un balance positivo da pasada ponte festiva do Pilar: “a ocupación hostaleira de media estivo por enriba do 80% e rexistráronse moi boas cifras de negocio en hostalería especialmente, pero tamén no comercio. Pensamos que si nada se torce estes datos marcan a tendencia do que será a vindeira ponte festiva de Defuntos, da Almudena en Madrid e da Constitución, coa posibilidade de recibir a moitos veciños e veciñas con segunda residencia en Ribadeo ademais de visitantes. Iso é o que agardamos e o que desexamos”.