Site icon Crónica3.com A Mariña

O “Camiño Gastronómico do Mar” 2021 arrancará o venres 22 en Ribadeo

Burela, 15 de outubro, 2021. A Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo, xunto coa Asociación Amigos do Camiño do Mar Peregrinación a Santiago de Compostela e coa colaboración de Armadores de Burela, poñen en marcha unha nova edición do “Camiño Gastronómico do Mar”, unha campaña gastronómica que servirá un año máis para promocionar o “Camiño do Mar”, ruta xacobea que comunica por terra o Camiño Norte e o Camiño Inglés a Compostela.

O “Camiño Gastronómico do Mar” dará comezo o vindeiro venres 22 de outubro en Ribadeo e consistirá de novo en oito fins de semana con xornadas gastronómicas en trinta restaurantes dos quince concellos costeiros polos que discorre o “Camino do Mar”: desde Ribadeo (Lugo) a Neda (A Coruña), pasando por Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove, Viveiro e O Vicedo, na provincia de Lugo; e Mañón, Ortigueira, Cariño, Cedeira, Valdoviño e Narón, na provincia de A Coruña.

Durante a presentación da campaña, que tivo lugar este venres 15 de outubro no salón de actos de ABSA, tanto a Directora Xeral de Pesca e Acuicultura da Xunta de Galicia, Mercedes Rodríguez Moreda, como Sergio López, xerente de OPP Lugo, e Manuel Vicente, presidente da Asociación Amigos Camiño do Mar Peregrinación a Santiago de Compostela, incidiron na relevancia do triple obxectivo que se persegue con esta iniciativa: fomentar o consumo de peixe, apoiar ao sector hostaleiro do norte de Galicia e promocionar o “Camiño do Mar”.

A Directora Xeral de Pesca, Mercedes Rodríguez Moreda, que presidiu a xornada no lugar da Conselleira do Mar, loubou a boa colaboración entre empresas e administración para poner en marcha estas iniciativas, e pechou o acto animando ao público participar e selar cada semana o díptico da campaña, que, a modo de peculiar “Compostelana”, dará a oportunidade de gañar un “premio especial” ás persoas que o presenten con máis de dous selos dos oito posibles. O listado de datas e locais participantes pódese consultar na web www.opplugo.com/caminodomar.

O acto contou coa presenza de representantes dos concellos e das dúas Mancomunidades polas que discorre a acción: A Mariña Lucense e Ferrolterra Rías Altas; así como os responsables dalgún dos trinta restaurantes que forman parte desta campaña.

Ao finalizar a presentación puidéronse degustar algunhas receitas das catro especies que, como máis representativas das frotas pesqueiras de OPP Lugo, poderanse degustar cada semana en dous restaurantes de cada concello: nuns ofreceranse pratos de pescada do pincho e xurel; e noutros receitas de peixe espada e peixe sapo.

Esta campaña enmárcase dentro das accións de promoción de OPP Lugo incluídas no seu Plan de Produción e Comercialización anual, e contan coa cofinanciación da Xunta de Galicia e o Fondo Europeo e Marítimo da Pesca.

Exit mobile version