Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Riotorto felicita á veciñanza por facer recuar ao alcalde e á Xunta en relación coa planta de residuos de Aldurfe e pedirá que o anuncio de paralización se concrete no vindeiro pleno extraordinario

Riotorto, 2 de outubro, 2021. O BNG de Riotorto felicitou á veciñanza de Aldurfe por facer recuar ao goberno municipal e á Xunta de Galiza na súa intención de situar na parroquia, a carón das casas e de fincas de aproveitamento gandeiro, unha macroempacadora de residuos de Sogama.

A formación nacionalista puxo en valor a iniciativa e o compromiso das veciñas e veciños para frear coa mobilización social un proxecto que é claramente incompatible coa actividade gandeira da que viven e que conlevaría tamén riscos ambientais.

Desde o grupo municipal explican que esixirán que o anuncio da paralización do proxecto, que se coñeceu a través dun comunicado aos medios, se ratifique coa suspensión dos procedementos administrativos en marcha, tanto a licitación das obras como a cesión de uso dos terreos por parte do Concello.

A este respecto, o concelleiro nacionalista Luis Fernández explicou que “no pleno ordinario celebrado este venres desde o BNG presentamos unha moción de urxencia que recollía a paralización do proxecto como único punto de acordo, pero o goberno municipal non aceptou a súa votación”

“Agardamos que o alcalde fixe para os vindeiros días o pleno extraordinario que solicitamos para facer efectiva a suspensión do proxecto e aclarar a xestión feita deste asunto tanto por parte do goberno municipal como da Xunta, que rectifican obrigados pola mobilización social despois de meses de manobras de costas á veciñanza”

O voceiro nacionalista apuntou ademais que “pedirán garantías para que a busca da nova ubicación se faga con transparencia e información tanto á veciñanza como aos sectores económicos que se poidan ver afectados, e cos informes ambientais necesarios”.

O pasado xoves, nunha reunión coa veciñanza de Aldurfe, Olalla Rodil e Daniel Castro anunciaron que levarán ao Parlamento de Galiza a “improvisación” e o “abuso” da Xunta de Galiza e do Concello en relación coa construción da nova planta e denunciaron que a situación creada en Riotorto é consecuencia da falta de planificación e da fuxida cara diante de Sogama, que amplía a súa rede de plantas sen as garantías necesarias para non condenar aldeas e actividades agrícolas.

Exit mobile version