Site icon Crónica3.com A Mariña

O arqueólogo submarino Miguel San Claudio presentará este xoves no Cine Teatro de Ribadeo o resultado das inmersións realizadas dentro do proxecto Retornos do pasado

Ribadeo, 25 de outubro de 2021. O Concello de Ribadeo organiza unha charla que pronunciará o arqueólogo submarino Miguel San Claudio para presentar o resultado das inmersións realizadas dentro do proxecto Retornos do pasado. Terá lugar este xoves, día 28, no Cine Teatro.

O concelleiro de Turismo e Comercio, Pablo Vizoso, salientou que “a ría de Ribadeo conta cunha riqueza arqueolóxica recoñecida, o que lle aporta un gran valor engadido á nosa contorna natural, e aínda que é un dos recursos máis importantes da nosa zona tamén pode ser un dos máis descoñecidos. Por ese motivo, ao longo dos últimos tempos, fixéronse tarefas de investigación entre as que se encadra o proxecto financiado polo GAL Retornos do pasado, que pretende a recuperación de pezas de interese patrimonial para o seu posterior estudo”.

O edil ribadense dixo que “Retornos do pasado ten como obxectivo principal a análise e a difusión da cultura marítima de Ribadeo, facendo un estudo que permita analizar a documentación das relacións comerciais de Ribadeo xa na época da protohistoria de Galicia. O obxectivo do estudo é a documentación e a clasificación dos restos dos materiais achados na ría de Ribadeo, concretamente na zona fronte ao porto deportivo de Porcillán ata o antigo cargadoiro de mineral onde se situaba a Torre Vella Medieval”.

Pablo Vizoso engadiu que “ao longo de dous anos, 2021-2022, están previstas arredor de oitenta inmersións das que se irán extraendo os materiais que nos permitan coñecer moito mellor o noso medio submarino. Precisamente neste marco, este xoves, día 28, ás oito da tarde no Cine Teatro, Miguel San Claudio, arqueólogo submarino encargado de levar a cabo este o proxecto e quen tamén, de xeito casual, xa descubrira no ano 2011 o galeón afundido no canal, dará unha conferencia para dar a coñecer os resultados das inmersións realizadas ate o de agora. Por suposto será unha oportunidade para coñecer de primeira man o que hai na nosa ría e os segredos que agocha, sobre todo da man dun experto en arqueoloxía submarina. E dentro deste mesmo proxecto o sábado, día 30, levarase a cabo na sección de mergullo do Club Náutico de Ribadeo, un curso composto dunha clase teórica sobre documentación e conservación de materiais arqueolóxicos de interese patrimonial, e outra parte máis práctica na auga onde se aplicarán os contidos expostos”.

Exit mobile version