Alfoz, 14 de outubro, 2021. O Concello de Alfoz, adscrito ao Programa de Autocompostaxe de Sogama, inicia unha nova campaña de compostaxe doméstica para o reparto de compostadores e formación para o seu uso totalmente de balde.
Os veciños e veciñas interesados poden pasar persoalmente pola Casa do Concello ou ben chamar ao 982558 001 (ext.3) para inscribirse como solicitantes.
A finais de novembro terá lugar a entrega dos compostadores e a sesión de formación para o seu correcto uso, que se abre tamén a todos os interesados que xa teñan compostador e queiran contar a súa experiencia, solventar dúbidas, etc.
É importante lembrar as vantaxes que a compostaxe supón para o medio ambiente, a economía e a sociedade. Con esta técnica lógrase a recuperación de residuos orgánicos, que supoñen un 40% do total do noso lixo e produce compost que aporta gran cantidade de nutrientes ao chan, mellorando as súas calidades físico-químicas e biolóxicas.