No transcurso do acto, celebrado no auditorio Pascual Veiga de Mondoñedo, localidade da que é natural a galardoada, o representante da Xunta de Galicia gabou a brillante traxectoria da premiada como docente, escritora, académica, investigadora e xornalista. “Temos a sorte de vivir nun país no que abonda o talento e figuras que contribúen á nosa terra e cultura desde diferentes facetas como é o caso de Marina Mayoral, unha muller pioneira e unha figura de referencia que segue inspirando aos novos xornalistas e aos novos talentos que comezan no mundo da escritura”, salientou.
Neste senso, subliñou que o seu talento non se pode desligar da historia de Mondoñedo, unha vila que ten destacado “por ver medrar a algúns dos principais nomes da cultura galega como Álvaro Cunqueiro, Pascual Veiga, Leiras Pulpeiro ou a propia Marina Mayoral”.
A Asociación de Periodistas de Galicia acordou por unanimidade outorgar o Premio José Luis Alvite 2021 a Marina Mayoral, catedrática emérita de Literatura Española, escritora, columnista e académica de honor na Real Academia Galega desde o ano 2017. Ademais de publicacións traducidas a idiomas como o alemán, o italiano, o portugués, o catalán, o polaco, o inglés ou o chinés, Mayoral tamén realizou máis dun centenar de traballos de investigación entre os que destacan os centrados nas figuras de Rosalía de Castro ou Emilia Pardo Bazán.