A Coruña, 16 de outubro de 2021.- O delegado do Goberno, José Miñones, trasladou ao sector pesqueiro de Galicia a oportunidade que ofrecerá a nova liña de avais que abrirá proximamente a entidade SAECA (Sociedade Anónima Estatal de Caución Agraria) e que estará dotada con 10 millóns de euros. José Miñones anticipa a convocatoria que nace co obxectivo de favorecer o investimento dos operadores en sustentabilidade, investigación, innovación e dixitalización do sector pesqueiro, extractivo, acuícola e transformador. O delegado do Goberno apuntou que a convocatoria prevé mobilizar un investimento de 150 millóns de euros en iniciativas que posibiliten unha mellora da competitividade e sustentabilidade desta actividade económica.
A liña favorecerá as condicións de acceso ao financiamento do sector pesqueiro e é posible grazas ao acordo asinado entre o Ministerio de Agricultura Pesca e Alimentación (MAPA) e a propia SAECA. Este instrumento está financiado polo fondo europeo do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e por fondos propios do Ministerio de Agricultura.
Destinatarios
Poderán solicitar esta axuda os operadores de todo o sector pesqueiro, desde actividades extractivas e de produción acuícola, ata a comercialización e transformación, e poderán ser persoas físicas, xurídicas, empresas, confrarías ou asociacións, entre outros, sempre que realicen calquera actividade económica.
Mediante este instrumento contribuirase a situar ó sector pesqueiro español en niveis punteiros de desenvolvemento dixital, tecnolóxico e ecolóxico, favorecendo a consecución das metas establecidas, entre outros, pola Política Pesqueira Común, o Pacto Verde Europeo ou os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030 e posibilitando un sector cada vez máis sostible e competitivo.
Saeca
A Sociedade Anónima Estatal de Caución Agraria-SAECA é unha empresa tutelada polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e participada por SEPI (Sociedade Estatal de Participacións Industriais) e o FEGA (Fondo Español de Garantía Agraria).
A actividade de SAECA é a prestación de avais e fianzas para facilitar o acceso ao financiamento ao conxunto do sector primario. En Galicia nos últimos tres anos esta entidade concedeu 2.700 avais a empresas do sector primario por un importe de 25 millóns de euros.