Son xa moitos anos de reivindicacións e protestas a nivel comarcal sen que as demandas dos traballadores e traballadoras, é dicir, dos nosos veciños e veciñas, obteñan respostas e feitos por parte das administracións con competencias en materia de industria.
O recente anuncio de Vestas da súa intención de pechar a súa fábrica de Viveiro únese á ausencia de solucións para Alcoa en San Cibrao. Falamos nos dous casos de plantas eficientes, rentables e con persoal cualificado, con varias empresas ademais interesadas en darlle continuidade á actividade no caso de Alcoa.
Non son os únicos casos de peches ou recortes nos últimos anos, mentres A Mariña repite de forma continua a necesidade de mellorar as súas comunicacións, porque todos e todas somos moi conscientes de que unhas boas infraestruturas de transporte son imprescindibles para o asentamento de novos proxectos empresariais.
A Mariña pide pero non obtén resultados. Esta comarca necesita un plan de reindustrialización serio e con pasos concretos que non chega, unha mesa de traballo con todos os axentes implicados e unha presenza activa do Goberno central e a Xunta de Galicia.
Temos que atopar solucións cando unha empresa decide marchar da Mariña, pero tamén darlle facilidades ás que deciden apostar por nós, por asentarse nalgúns dos nosos concellos.
Por outra parte, todas as administracións estamos á espera dos fondos europeos ‘Next Generation’, que a UE puxo a disposición do Estado para afrontar a crise xerada pola COVID.
Como alcaldesa de Viveiro, espero e desexo que sexan unha oportunidade de mellora e crecemento para os municipios, tanto dende o punto de vista de mellora das infraestruturas, como de oportunidade para a xeración de emprego dende o sector privado.
Falamos dunha oportunidade que non podemos deixar pasar. 140.000 millóns de euros que teñen que xogar, si ou si, un papel fundamental na recuperación económica e a xeración de emprego da nosa comarca.
A Mariña sae de novo á rúa este domingo para pedir solucións, porque non podemos permitir que as cousas non cambien. Polos nosos traballadores e traballadoras, e polos mozos e mozas que queren atopar un futuro laboral e persoal na nosa comarca.
Agardamos por todas e todos vos o domingo.
María Loureiro García
Alcadesa de Viveiro