Ribadeo, 9 de outubro de 2021. Concertos, teatro, monicreques e exposicións conforman a axenda cultural do último trimestre do ano en Ribadeo, que presentou a concelleira Pilar Otero.
A edil de Cultura lembrou que “comezabamos o mes de outubro coa 18 edición da Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón. É esta unha vertente do traballo teatral moi importante non só desde o punto de vista artístico, tamén pola dinámica social que se crea arredor destas formacións teatrais. A través do ciclo Argalladas da Área de Cultura da Deputación de Lugo actuará tamén neste trimestre Teatro Curuxán, de Lugo”.
A concelleira ribadense seguiu a relatar: “continuando no eido dos monicreques na Mariña temos unha moi boa compañía neste ámbito. Son Mircromina Títeres que traerán ao auditorio o 17 deste mes de outubro Cousas de casa. Tamén para nenas e nenos Galitoon representa a súa exitosa The show Moscón o 7 de novembro. O noso ciclo O Concello cos coles convida os centros de ensino a ver por unha banda a importante exposición de restos arqueolóxicos do fondo da ría de Ribadeo O porto de Ribadeo. Testemuñas do pasado e pola outra Os vikingos de Playmóbil desembarcan en Ribadeo. En colaboración con Aeslic e tamén coa área de Cultura do Concello de Lugo que emprestaron as vitrinas estamos seguras de que esta iniciativa que estará na oficina de Turismo de Ribadeo a partir do 25 de outubro suscitará moita ilusión en público de todas as idades”.
E engadiu: “tamén a través de O Concello cos coles, aínda que nesta ocasión dirixida máis ben a secundaria e bacharelato poderemos gozar da posta en escena de Poeta en Nova York, da compañía Paloma Lugilde Producións. Esta actividade está promovida e organizada pola Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia”.
Pilar Otero dixo que “a nosa proposta expositiva retoma os retratos femininos en acuarela da artista murciana Esther Páez. Poderá visitarse a partir do vindeiro luns, 11 de outubro, en horario de apertura da oficina de Cultura na Casa do Viejo Pancho. Este edificio volve ser espazo expositivo e de presentacións. A Agrupación Cultural Francisco Lanza organiza neste mes de outubro a do primeiro dicionario do galego de Asturias e a de dúas obras de Xulio Pardo de Neyra. As asociacións culturais do Concello desenvolven un importante labor, tamén colaborando na nosa programación”.
A concelleira de Cultura indicou que “no ciclo de actividades nas parroquias temos neste trimestre a actuación de Illa Pancha en Remourelle, Os Misturos en Arante e as pandereteiras de Amigos da Gaita en Cedofeita e nas Anzas. A Coral Polifónica de Ribadeo vai tamén a San Pedro de Arante co gallo do seu concerto de Santa Cilla e tamén organizará xa no Nadal o Festival de Panxoliñas. A nosa Banda Municipal de Música tamén celebrará Santa Cilla e a maiores o concerto de Aquí como en Viena”.
A edil comentou que “seguindo co importante papel das asociación culturais, un dos pratos fortes deste trimestre é a master class e o concerto posterior que o pianista de jazz Abe Rábade ofrecerá en Ribadeo a través da asociación Bruar. Será o 30 de outubro. A programación de música complétase coa actuación de homenaxe a Astor Piazzola con Malajunta Tango Dúo e con De Botóns. Chegamos tamén á sétima edición do Festival de Jazz & Blues de Ribadeo, cunha programación que será obxecto dunha presentación propia. E rematamos cun convite para o vindeiro sábado, 16 de outubro, ás 20.30 horas no auditorio municipal. A cantante de fados María do Ceo actúa en Ribadeo no que se prevé que sexa unha cita moi concorrida en canto a público, co-organizada xunto co Ribadeo Fútbol Club. E rematamos co desexo de que lles gustes as nosas propostas para este derradeiro tramo do ano”.