Segundo se recolle na resolución provisional da convocatoria, publicada este mércores no BOP, os fondos chegarán a unha ampla variedade de disciplinas deportivas -fútbol, baloncesto, ciclismo, piragüismo, atletismo, ximnasia rítmica, patinaxe, triatlón, balonmán,natación, voleibol, waterpolo, bádmiton, tenis de mesa, padel, tenis, squash, karate, taekwondo, judo, kung fu, loitas olímpicas, tiro, surf, remo, xadrez, birlos, rugby ou pesca – para atender diferentes gastos relacionados coa actividade competitiva dos clubs, desde licenzas e dereitos de participación en competicións ata material, vestimenta deportiva ou transporte.
Ademais de contribuír ao mantemento da actividade ordinaria das entidades deportivas, a través desta convocatoria, a Vicepresidencia da Deputación apoia a organización de medio cento de eventos promovidos polo tecido deportivo.
O deputado de Deportes Efrén Castro remarcou “a importancia destas achegas para os clubs de base e afeccionados, que dependen en grande medida destes recursos para manter a súa actividade, máis nestes últimos meses de incerteza pola situación sanitaria”.
O deputado nacionalista valorou “o traballo que desenvolven os clubs, facilitando o acceso ao deporte en todo o territorio, que é o obxectivo último destas axudas” e sinalou “a existencia dun tecido deportivo cada vez máis diverso que ofrece diferentes alternativas para realizar actividade física”
Neste sentido, destacou “o incremento de solicitudes de axudas para a organización de eventos, reflexo de que estamos a recuperar a normalidade e de que os clubs manteñen o dinamismo previo á pandemia”.
Na resolución das axudas, que oscilan entre os 300 e os 5.000 euros, tivéronse en conta os criterios fixados nas bases da convocatoria como o rendemento ou a incidencia social do club, o fomento da igualdade e a integración ou a localizacion, primándose aos de concellos con menos de mil habitantes.