Viveiro, 20 de outubro de 2021. A Xunta de Galicia inclúe no seu proxecto de orzamentos para 2022 investimentos por importe de máis de 1,2 millón de euros no porto de Celeiro, no concello lucense de Viveiro. Así o trasladou esta mañá a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, nunha visita a esta dársena mariñá na que estivo acompañada por representantes da confraría de pescadores local e do Consistorio.
Susana Lenguas explicou que o seu departamento ten previstas tres actuacións de envergadura para Viveiro, dúas delas xa en fase moi avanzada de contratación. Trátase da renovación das envolventes -cubertas e fachadas- das naves de redes e de efectos navais de Celeiro. A estas engádese a ampliación de prazas de amarre no peirao, que sairá a licitación nos vindeiros meses.
A obra de cambio da cuberta e fachada do edificio náutico-pesqueiro -a nave de efectos navais- conta cun orzamento de 300.000 euros e atópase xa adxudicada polo que nas vindeiras semanas se asinará o contrato de execución de obra. Polo que respecta ao acondicionamento da nave de redes do peirao norte, o orzamento asignado é de 380.000 euros e está previsto que se adxudique proximamente. Esta actuación incluirá tamén tanto a habilitación de aseos no edificio como dun punto de recollida de residuos Marpol.
Portos de Galicia sacará a licitación ademais a ampliación de amarres profesionais e a mellora de prazas por un importe estimado de 560.000 euros. Estes traballos permitirán crear preto dunha vintena de novas prazas para o sector profesional nun novo pantalán así como outras oito prazas para embarcacións da sétima lista. A maiores melloraranse diversos aspectos dos pantaláns existentes como os pilotes e o pavimento e dotaranse de torres de auga e electricidade.
Mellora do alumeado
A presidenta de Portos de Galicia tamén salientou durante a súa visita que xa están en marcha as obras de mellora do alumeado no peirao norte. Trátase tanto dun reforzo da iluminación no cantil como da renovación das actuais luminarias substituíndoas por tecnoloxía LED, de menor consumo e máis eficiente. O importe desta actuación rolda os 50.000 euros.