Vigo, 7 de outubro de 2021. O portavoz do Grupo Socialista, Gonzalo Caballero, visitou hoxe en Vigo Conxemar, a feira de produtos do mar conxelados, unha oportunidade que aproveitou para emprazar á coordinación entre as administracións para acadar unha reactivación “pegada á economía produtiva do país, ao impulso da actividade pesqueira e a industria do mar”.
Ademais, Gonzalo Caballero mantivo un encontro cos responsables desta feira, a quen lles ratificou o apoio dos socialistas galegos para que siga a ser a referencia do conxelado de peixe en España.
O voceiro parlamentario do PSdeG emprazou ás administracións a “pular todos xuntos” dende o goberno de España, a Xunta, as deputacións e os concellos para que Conxemar “siga a ser referencia internacional do sector” e “o mellor escaparate dunha industria de vangarda, de calidade demostrada e que ten acreditada toda a súa capacidade dende Vigo”. De feito, subliñou que “Galicia é potencia internacional” no sector mar-industria e que “ten que seguir séndoo”.
Ao fío disto, resaltou o éxito da nova edición de Conxemar, que “amosa como en Galicia podemos facer feiras internacionais de primeiro nivel aínda neste tempos poscovid” e que demostra “o ben que os galegos sabemos traballar os produtos do mar”. Neste senso, sinalou o papel do mar-industria na nosa comunidade, toda vez que segue a ser “referencia en produtos de calidade, en innovación tecnolóxica e na vangarda da produción”.
Falecemento Valeriano Martínez
En paralelo, o voceiro do PSdeG na Cámara galega, Gonzalo Caballero, trasladou de novo as condolencias e o pésame á familia e aos compañeiros de partido do conselleiro Valeriano Martínez logo do seu repentino falecemento onte.
Así, lamentou as “circunstancias tráxicas inesperadas” dun “acontecemento que nos deixou nunha situación de tristura” polo falecemento, tal e como xa trasladou onte tanto ao presidente da Xunta como ao portavoz do Grupo Parlamentario do PP.
Asemade, Gonzalo Caballero amosou o recoñecemento e o respecto do PSdeG ao traballo de Valeriano Martínez, quen “dende a súa opción política tentaba facer as cousas o mellor posible para Galicia”.