Site icon Crónica3.com A Mariña

Foz contará coas primeiras pistas de petanca da Mariña no parque da rúa Uxío Novoneyra, que será totalmente renovado

Foz, 23 de outubro de 2021. O Concello de Foz construirá dúas pistas de petanca, que son as primeiras da Mariña e terán 15 metros de lonxitude e 4 de anchura. Estás incluídas dentro do contrato adxudicado por 57.233 euros a Oziona Soluciones de Entretenimiento SL, financiado con cargo ao Plan Único 2021, da Deputación de Lugo.

O alcalde, Fran Cajoto, explica que “o proxecto inclúe a renovación total do parque da rúa Uxío Novoneyra. O novo contará coas dúas pistas de petanca, circundadas por zonas de paseo de formigón impreso de entre 3 e 6 metros de anchura, ademais dunha zona de ocio infantil con pavimento de caucho continuo con varios xogos: estrutura con tobogán, randeeira mixta con portabebé e dúas figuras de arrandear con resortes. O novo parque de Uxío Novoneyra contará tamén con 8 bancos distribuídos na superficie do recinto”.

O rexedor municipal engade que “o proxecto adxudicado inclúe tamén a renovación completa do parque do Paseo de Colón, moi utilizado especialmente en tempo de verán. É un dos máis empregados da vila, nunha zona de restauración moi concorrida. Renovarase completamente, substituíndo o pavimento por un novo solo de caucho continuo e dispoñendo novos xogos: estrutura con tubo e tobogán, arrandeeira mixta con portabebé e dúas figuras de arrandear. Pensamos nos nosos maiores e pensamos tamén nos cativos. Pouco a pouco iremos renovando a rede de parques municipais, tanto no núcleo urbano como nas parroquias”.

Nos presupostos municipais deste ano 2021 reservouse ademais unha partida de investimento para bancos de 8.000 euros.

Exit mobile version