Fernando Suárez declarou que “somos coñecedores de que se abre unha oportunidade, aínda que non sabemos a día de hoxe se isto vai quedar nun globo sonda ou se realmente é unha aposta firme e coordinada entre os gobernos do Estado e da Xunta para asignar unha parte importante destes fondos NextGeneration, a través dunha iniciativa intelixente cuxo fío condutor é facer o circuíto completo e de valor desta grande masa forestal que temos nesta comarca”.
O rexedor ribadense dixo que “desde Ribadeo nin queremos nin imos entrar en competencia con ninguén. No caso de que este proxecto sexa realidade cremos que o importante é que veña para a nosa comarca, para A Mariña, pero tamén é certo que a comarca é ampla e dispón de posibles emprazamentos. Aquí trátase de que todos sumemos e debemos aportar todas as nosas posibles fortalezas que poidamos ter e unha destas fortalezas témola precisamente en Ribadeo”.
Suárez Barcia subliñou que “posuímos un moderno polígono industrial que está ao 20% da súa capacidade, o que deixa libre unha dimensión importante para acoller total ou parcialmente este novo conglomerado industrial. Ademais por emprazamento e por comunicación coas redes de comunicacións modernas, como pode ser a A-8 e pola proximidade ao porto comercial para dar entrada e saída ás materias primas e produtos elaborados, e incluso tamén porque a liña deste tren de Feve, que pasa ao seu carón, tamén podería constituír un aliciente para o rexurdimento desta liña esmorecida. En definitiva, porque é unha aposta pola intermodalidade loxística de recepción tanto de materia prima como de exportación de produto, sen igual en toda a provincia de Lugo”.
O alcalde de Ribadeo engadiu: “é polo que vimos de dirixirnos aos responsables dos Consellos de Administración da empresa Altri, que está en Portugal, e máis tamén ao da Empresa Pública Galega, que está a desenvolver estes proxectos estratéxicos, para que teñan en conta esta firme achega que desde Ribadeo facemos con honestidade e que só pretende sumar esforzos e sinerxías para que finalmente esta iniciativa se converta en realidade na Mariña de Lugo”.