Este proxecto da Fundación Expomar encádrase dentro do seu obxectivo principal de apoio e desenvolvemento do sector pesqueiro, una acción encamiñada á recuperación e visibilización do patrimonio e cultura mariñeira, e que está financiada polo Galp A Mariña-Ortegal.
O acto tivo lugar nas instalacións do CEIP Vista Alegre de Burela ás 10 da mañá, coa presenza do alcalde de Burela e presidente da Fundación Expomar, Alfredo Llano; a Directora Xeral de Pesca e Acuicultura da Xunta de Galicia, Mercedes Rodríguez Moreda; o presidente do Galp A Mariña-Ortegal, Javier Martínez Otero; o director do CEIP Vista Alegre, José Manuel Díaz; a directora do CEIP Virxe do Carme, Pepa Fernández; e Javier Martínez, representante de Bolanda Edicións, a editorial que publica o libro. O xerente da Fundación Expomar, Xosé M. González ‘Brais’, guiou a presentación, dando paso aos diferentes intervintes.
Alfredo Llano, alcalde de Burela e presidente da Fundación Expomar, deu a benvida aos Bolechas e agradeceu aos nenos o seu interese polo mundo do mar, explicando a importancia das actividades que promove Expomar para esta difusión. Javier Martínez Otero, presidente do Galp A Mariña-Ortegal, explicou de maneira sinxela aos nenos as función que ten esta entidade. Os directores dos centros agradeceron aos alumnos a súa atención e o representante de Bolanda Edicións comprobou que os nenos de Burela son grandes seareiros das personaxes do libro.
Finalmente a Directora Xeral de Pesca e Acuicultura da Xunta de Galicia, Mercedes Rodríguez Moreda, pechou o acto felicitando á Fundación Expomar por esta iniciativa e animando aos alumnos a que se acheguen e coñezan ben o mundo e cultura mariñeira.
A continuación fíxose a entrega dos libros aos alumnos de primeiro e segundo de Primaria dos colexios Vista Alegre e Virxe do Carme, onde tamén celebraron obradoiros de elaboración de chapas e xogo do Trivial con motivos mariñeiros.
“Os Bolechas” é unha serie infantil de libros en galego que narran as aventuras dunha familia de ficción creada por Pepe Carreiro no ano 2000, con xa preto de 600 títulos publicados e casi dous millóns de exemplares distribuídos.
Nesta aventura os protagonistas viven unha xornada no porto de Burela, onde coñecen as principais actividades do porto e da lonxa, as artes de pesca e oficios do mar, así como as principais entidades pesqueiras da vila.
O lote de libros tamén inclúe un caderno de actividades onde os nenos xogan cos nomes das especies e tipos de peixes e poñen en práctica as ensinanzas do libro “Os Bolechas e o Mar”.
Con esta iniciativa a Fundación Expomar pretende enseñar aos nenos e nenas de Burela a riqueza do mundo do mar, poñendo en valor o potencial económico do sector pesqueiro.